A Xunta supervisa as obras de restauración ecolóxica que se están realizando na lagoa de Denune, en Begonte

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá a importancia que teñen os espazos verdes e as zonas húmidas para impulsar a nivel local políticas efectivas que contribúan a converter os concellos en lugares máis e mellor adaptados ao cambio climático.
Durante unha visita á lagoa de Denune, en Begonte, a responsable autonómica indicou que a Xunta lle concedeu este ano ao Concello unha achega de 38.500 euros con cargo á última convocatoria de axudas a entidades locais para a aplicación de solucións baseadas na natureza co fin de previr riscos asociados ao quecemento global.
Grazas a esta achega autonómica, explicou que o Goberno local financiará o 80% do custo de execución dun proxecto para a restauración ecolóxica e posta en valor desta lagoa, unha lámina de auga pequena e de carácter estacional que forma parte do complexo húmido da Terra Chá, incluído no espazo Rede Natura Parga-Ladra-Támoga e na Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Nun contexto marcado por episodios climatolóxicos extremos cada vez máis habituais, como poden ser as vagas de calor ou os períodos de seca ou escaseza conxuntural de auga, a conselleira insistiu en que este tipo de espazos verdes e, en concreto, os diferentes tipos de zonas húmidas son claves para os concellos, xa que non só ofrecen lugares onde a poboación pode atopar refuxio, senón porque contribúen a velar pola biodiversidade, mellorar a conectividade ecolóxica e asegurar a conservación das especies autóctonas.
Neste sentido, Ángeles Vázquez puxo en valor, precisamente, a intervención que se está a levar a cabo en Begonte, coa que o Goberno local busca reverter o proceso de degradación que afecta á lagoa de Denune debido, entre outros factores, ao abandono dos usos tradicionais na contorna e á presión das plantacións forestais próximas.
Con este fin, o proxecto inclúe diferentes traballos de restauración ambiental para recuperar os hábitats locais e incrementar a biodiversidade, ao tempo que se reordenan os usos públicos deste espazo natural.
En concreto, actuarase sobre a vexetación con rozas e apeos selectivos e outras accións para aumentar a resiliencia ambiental da zona, construirase un observatorio de aves de madeira, semioculto pola vexetación de ribeira, e intervirase na lámina de auga (por exemplo, coa eliminación de sedimentos) para reforzar a capacidade de almacenamento da lagoa, actualmente sen auga pero que no inverno chega a ocupar case toda a parcela.
O papel municipal na acción climática
Como lembrou Ángeles Vázquez, é o segundo ano que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático convoca axudas para financiar este tipo de actuacións a nivel municipal co fin de converter ás entidades locais, como administración máis próxima ao cidadán, en lugares máis verdes, resilientes e cunha mellor calidade de vida.
Neste sentido, explicou que a achega autonómica pode chegar a cubrir ata o 80% do investimento, cun límite de 60.000 euros por proxecto e un máximo de tres solicitudes por concello. En canto ás accións subvencionables, son, con carácter xeral, intervencións en espazos públicos orientadas ben a reforzar a biodiversidade e as zonas verdes de áreas urbanas e periurbanas ou ben a crear refuxios para atenuar o efecto illa de calor que fai que en zonas das cidades a temperatura sexa máis alta que nas rurais debido a factores relacionados coas propias infraestruturas e a actividade humana e industrial.
Por ultimo, cómpre lembrar que desde o ano pasado e no marco do programa Galicia, refuxio climático, a Consellería leva investidos xa, en total, preto de 4 millóns de euros en actuacións para impulsar 75 proxectos climáticos en concellos de toda a Comunidade.