A Xunta trae a Lugo a campaña 'O que se enchufa, recíclase' que busca promover a reciclaxe de aparellos eléctricos
A Xunta de Galicia desenvolve en Lugo a campaña O que se enchufa, recíclase, a través dun punto de información que permanecerá nos soportais da rúa Quiroga Ballesteros ata o día 2 de novembro.
A campaña, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, busca incrementar as taxas de reciclaxe de aparellos eléctricos informando sobre as vantaxes e sobre os puntos de recollida existentes. Na provincia de Lugo hai 65 contedores repartidos noutros tantos establecementos adheridos á campaña para que os veciños poidan depositar os aparellos que xa non queren. Sete deles están situados na capital.
Os cidadáns poden consultar os puntos de reciclaxe máis próximos aos seus domicilios na web www.oqueseenchufareciclase.gal; a información tamén está nas redes sociais, a través de facebook.com/RAEEGALICIA e twitter.com/RAEE_GAL.
A campaña visitará 31 concellos da provincia; tras a capital, os seguintes destinos serán Monforte de Lemos, Viveiro e Sarria. A Xunta desenvolve esta iniciativa en colaboración cos representantes dos Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SCRAP) de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE).
A Xunta destina 700.000 euros a esta iniciativa, que se desenvolverá durante 9 meses en 138 concellos galegos de máis de 4.000 habitantes e pretende involucrar tanto aos consumidores como aos distribuidores e vendedores nunha boa xestión deste tipo de residuos.
No 2016 en Galicia recolléronse máis de 14.000 toneladas de residuos de aparellos eléctricos ou electrónicos, o que implica unha media de 5 quilos por persoa. O incremento é notable con respecto ao 2105 no que as toneladas recollidas foron 10.600.