A Xunta vixiará con dez vehículos as estradas de titularidade autonómica da provincia
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda reforzou os medios destinados a garantir a conservación e seguridade nas estradas coa entrega de 10 vehículos que se empregarán na vixilancia da rede viaria autonómica na provincia de Lugo.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza con técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e persoal que se valerá dos novos coches para desenvolver as súas funcións.
Estes vehículos subministrados polo Executivo autonómico facilitaranlles o traballo aos legoeiros, profesionais da AXI que levan a cabo un papel fundamental no control das estradas. Os coches son modelo ‘Citroen C3’, de cor branca, co rotulado da Xunta de Galicia e a instalación lumínica correspondente.
Balseiro subliñou que esta nova dotación reflicte o compromiso do Goberno galego para garantir a seguridade viaria, un asunto que considera prioritario. A rede viaria da competencia da Xunta na provincia de Lugo abarca 117 estradas en servizo, que suman 1.490 quilómetros.
A Xunta e as organizacións sindicais chegaron a un acordo para o recoñecemento laboral do persoal legoeiro, que asume novas funcións de vixilancia e control da explotación e conservación das estradas galegas.