A XVIII Feira de Artesanía de Outeiro de Rei reúne a centos de visitantes nunha xornada marcada polo éxito e a calor

Outeiro de Rei celebrou este sábado a XVIII Feira de Artesanía, unha cita xa consolidada no calendario estival da provincia que volveu converter a vila nun gran escaparate da artesanía, da gastronomía e da cultura tradicional galega. A feira rexistrou un notable éxito de participación, con centos de visitantes ao longo de toda a xornada e unha gran afluencia de público nos arredor de 90 postos instalados nas rúas do municipio.
A elevada temperatura non impediu que veciños, veciñas e visitantes desfrutasen dunha intensa programación que combinou exposicións, música tradicional, demostracións de oficios artesáns, actividades infantís, propostas gastronómicas e iniciativas deportivas e culturais para todas as idades.
Os expositores destacaron a gran afluencia de persoas durante toda a xornada, especialmente nas zonas dedicadas á alimentación artesanal e aos traballos realizados a man. Tamén tiveron unha excelente acollida as demostracións en vivo de oleiros, canteiros, cesteiros e artesáns téxtiles, que espertaron un gran interese entre o público.
A concentración de vehículos clásicos, os paseos en kaiak polo río Miño, os espectáculos de maxia, as actuacións musicais e as actividades familiares contribuíron a crear un ambiente festivo que se mantivo durante todo o día. A hostalaría local e os espazos de restauración tamén rexistraron unha importante actividade grazas ás numerosas visitas recibidas.
A feira reafírmase así como un dos grandes eventos do verán na comarca, combinando promoción económica, turismo e posta en valor do patrimonio cultural e artesanal galego.
Durante a inauguración, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou a importancia deste tipo de eventos para o desenvolvemento social e económico das contornas rurais. A titular de Medio Rural puxo en valor os traballos feitos a man e sinalou que contribúen a conservar e enxalzar o saber tradicional que caracteriza a cultura galega, ao tempo que favorecen a dinamización dos concellos e a promoción dos seus recursos locais.