A XXIII Festa da Malla de Castro de Rei celebrará tres xornadas para reivindicar as tradicións do campo

LugoXa | TerraChaXa
A sega, a meda e a malla desenvolveranse durante o mes de agosto cun programa que combina demostracións tradicionais, mercado de artesanía, música e un xantar popular
MALLA-DE-CASTRO2
29 Jul 2026

Castro de Rei acollerá ao longo do mes de agosto unha nova edición da Festa da Malla, unha celebración que alcanza a súa vixésimo terceira edición e que volverá poñer en valor o patrimonio etnográfico e as tradicións ligadas ao traballo no campo. A programación desenvolverase en tres xornadas diferenciadas, dedicadas á sega, á meda e á malla, co obxectivo de recrear todo o proceso tradicional da recollida do cereal.

A primeira cita terá lugar o sábado 1 de agosto coa celebración da sega. A xornada comezará ás 9.00 horas coa saída desde diante do bar Azúmara cara á finca onde, media hora máis tarde, dará comezo a sega tradicional.

A segunda xornada celebrarase o domingo 23 de agosto no Campo da Feira de Castro de Rei. A meda iniciarase ás 11.00 horas e estará acompañada dun mercado e obradoiros de artesanía a partir das 12.00 horas. A programación completarase ás 13.00 horas coa actuación musical do grupo Toxo Queimado.

A festa culminará o domingo 30 de agosto coa tradicional malla, que dará comezo ás 10.00 horas tamén no Campo da Feira. A partir das 14.00 horas celebrarase un xantar popular amenizado polo Dúo D' Caché.

O menú estará composto por empanada, cachola, chourizo, sardiñas, marmelo, queixo, pan, bebida e café. O prezo da tarxeta será de 20 euros para as persoas adultas e de 10 euros para nenos e nenas de ata 12 anos.

A organización lembra que o número de prazas para o xantar é limitado e recomenda adquirir as tarxetas coa maior antelación posible. Estas poderán mercarse entre o 3 e o 27 de agosto no Supermercado Claudio Grueira, en Germán Naval Lage e na Librería Maduca.

A Festa da Malla consolídase así como unha das citas etnográficas máis destacadas da comarca, reunindo cada ano a veciñanza e visitantes arredor dunha celebración que mantén vivas as tradicións agrícolas e o legado cultural do rural galego.

0.11953902244568