A zona azul solicitada polos comerciantes comezará a funcionar o luns

TerraChaXa
Regula o estacionamento na praza de San Xoán e nun tramo da rúa de Galicia comprendido entre a súas interseccións coas rúa do Calvario e a rúa Nova.
zona-azul-comerciantes
12 Oct 2024

O tenente de alcalde e responsable de Mobilidade no Concello de Vilalba, Modesto Renda, puxo data e hora á entrada en vigor da xa anunciada ampliación da Zona Azul. Será este vindeiro luns día 14 de outubro ás 09:00 horas e a regulación do estacionamento afectará á praza de San Xoán e a un tramo da rúa de Galicia comprendido entre a súas interseccións coas rúa do Calvario e a rúa Nova.

Renda, que contextualizou a medida na necesidade de “dar resposta a unha demanda unánime dos comerciantes e hostaleiros/as de ámbalas dúas localizacións”, explicou que o horario será o mesmo que o das restantes zonas xa reguladas, isto é: de luns a sábado de 09:00 a 14:00 horas, estando permitido o estacionamento de maneira gratuíta nun período máximo de 90 minutos.
“O noso obxectivo é evitar que se aparque o vehículo desde a mañá ata a noite, ao tempo que se deixa unha marxe de tempo gratuíto para facer xestións ou compras”, declarou.

Con todo, o tenente de alcalde fixo especial fincapé en que a prioridade do Concello será agora a consecución de zonas alternativas de estacionamento “100% públicas e gratuítas” e que dende a área de Mobilidade xa se leva meses traballando neste senso.

0.15359997749329