Abadín acolle a presentación da cuarta edición do festival cultural Rumboia Viva, que se celebrará o 27 de xuño

Abadín acolleu a presentación da cuarta edición do festival cultural Rumboia Viva, que se celebrará na localidade o próximo 27 de xuño e que conta co apoio da Xunta de Galicia.
A edición deste ano contará coas actuacións de Caamaño & Ameixeiras, Ulex, La Txama, Boyanka Kostova, Bea Fernandes e Lucasiito B2B Somiiux.
A programación completarase ademais con actividades paralelas para público de todas as idades, como xogos tradicionais, obradoiros, contacontos e postos de artesanía. O festival celebrarase no campo da feira de Gontán, con entrada de balde.
O delegado territorial, Alfonso Villares, puxo en valor o traballo da asociación xuvenil A Rumboia, promotora da iniciativa, destacando que conseguiu que, con só tres edicións, o Rumboia Viva se consolide como unha proposta cultural de referencia na comarca da Terra Chá, amosando ano tras ano a súa capacidade de convocatoria e de dinamización do turismo e da economía local.
Neste sentido, enxalzou o papel da mocidade na organización de proxectos que fortalecen a vida social e cultural do rural.