Abadín acollerá a presentación do libro 'Raíces nas augas' de Hugo Javier Freitas

O Salón de Plenos do Concello de Abadín será escenario o vindeiro 17 de xullo, ás 19.00 horas, da presentación do libro Raíces nas augas, obra do escritor Hugo Javier Freitas. O acto está promovido polo Concello de Abadín e pretende achegar á veciñanza unha publicación centrada na emigración, a memoria e os vínculos que unen xeracións e territorios.
A obra preséntase como unha emocionante crónica arredor dun fenómeno que marcou fondamente a historia de Galicia e de numerosas familias, afondando nas vivencias e nos sentimentos asociados aos procesos migratorios.
No acto participarán o alcalde de Abadín, Xosé María López Rancaño; Manuel Regal Ledo, veciño de Candia e familiar do autor; Antonio Andina Penabad, representante de EOditorial; e o propio Hugo Javier Freitas, quen dará a coñecer os detalles da súa publicación.
Desde o Concello destacan que a presentación será unha oportunidade para achegarse á historia e ás experiencias de tantas persoas ligadas á emigración, así como para reflexionar sobre a importancia da memoria colectiva e das raíces familiares.
O goberno local anima á veciñanza e ás persoas interesadas na literatura e na historia a asistir a este encontro cultural, que terá lugar no Salón de Plenos da casa consistorial.