Abadín acollerá a presentación do Proxecto Aloumiños para promover o benestar e combater a soidade

O Concello de Abadín será escenario este mércores, 10 de xuño, da presentación do Proxecto Aloumiños, unha iniciativa impulsada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o Colexio de Educadores Sociais de Galicia orientada á promoción da saúde e do benestar social, especialmente entre a poboación maior de 55 anos.
O acto terá lugar ás 11.00 horas no Salón de Actos Municipal e estará aberto á participación da veciñanza sen necesidade de inscrición previa.
O programa nace co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables e crear contornos que favorezan o benestar emocional e social das persoas participantes. Entre as súas finalidades figura tamén reforzar as relacións interpersoais e as redes de apoio social, contribuíndo así a reducir situacións de soidade non desexada, unha problemática cada vez máis presente na sociedade actual.
Desde a organización explican que esta iniciativa busca tamén mellorar a adherencia aos tratamentos médicos e favorecer unha mellor calidade de vida, ao tempo que contribúe a reducir o uso dos servizos sanitarios mediante accións preventivas e de acompañamento social.
O Concello de Abadín anima á cidadanía a participar nesta presentación e coñecer de primeira man os detalles dun proxecto centrado na saúde comunitaria, o envellecemento activo e a creación de espazos de convivencia e apoio mutuo.