Abadín acollerá unha charla sobre os proxectos das dúas macroplantas de biometano previstas no municipio

A preocupación veciñal polos proxectos das dúas macroplantas de biometano para as localidades de Candia e Quende, no concello de Abadín, motivou a organización dunha charla-coloquio para abordar as posibles consecuencias destas instalacións. A iniciativa celebrarase este domingo, 8 de novembro, a partir das 11.30 horas, na nave de Darío, situada na Praza de Gontán.
O encontro contará coa participación de Máximo Florín Beltrán, profesor titular de Tecnoloxías do Medio Ambiente na Universidade de Castela-A Mancha e investigador no Centro Rexional de Estudos da Auga. O experto, especializado en ecoloxía acuática e Ciencias Biolóxicas, foi nomeado recentemente embaixador do Pacto Climático Europeo pola Comisión Europea.
Durante a charla analizaranse os posibles efectos destas instalacións a grande escala, desde a xestión de miles de toneladas de residuos externos e o tráfico masivo de camións pesados ata os posibles impactos nos solos agrícolas e os riscos de contaminación das augas e dos acuíferos.
A convocatoria busca ofrecer información e respostas baseadas na ciencia sobre as consecuencias que poderían ter estes proxectos para o territorio, a gandaría local, a agricultura e a saúde da veciñanza. Os organizadores destacan a importancia de coñecer os detalles das iniciativas para poder valorar o seu impacto.
A programación comezará ás 11.30 horas cunha recepción con freixós e café de pota. Ás 12.00 horas terá lugar a charla-coloquio e, ás 13.30 horas, celebrarase un aperitivo. A xornada estará amenizada polo grupo tradicional Batifoula e incluirá música e gastronomía galega.
O aforo será limitado e a organización anima a veciñanza a participar neste encontro informativo sobre o futuro do territorio e os proxectos previstos no municipio.