Abadín avanza na mellora da rede viaria coa pavimentación da Rega do Foxo en Castromaior

O Concello de Abadín continúa desenvolvendo actuacións de mellora nos distintos núcleos de poboación do municipio co obxectivo de reforzar a seguridade, a comodidade e a mobilidade da veciñanza.
Están en marcha os traballos de pavimentación con aglomerado asfáltico na zona da Rega do Foxo, na parroquia de Castromaior. Esta intervención permitirá mellorar o estado da vía de acceso e contribuír ao acondicionamento da contorna, facilitando os desprazamentos dos veciños e veciñas.
As obras están a ser executadas pola empresa Construcciones Cholo, S.L., con sede en Vilalba, dentro das actuacións impulsadas polo goberno local para a conservación e modernización das infraestruturas municipais.
Desde o Concello destacan que estes traballos forman parte do compromiso de continuar investindo na mellora da rede viaria e na atención ás necesidades dos diferentes núcleos de poboación de Abadín, co propósito de ofrecer uns servizos e unhas comunicacións máis axeitadas para toda a cidadanía.