Abadín conmemora o 25N cunha proposta de teatro foro sobre a carga que soportan as mulleres

O Concello de Abadín organizará o vindeiro martes, 24 de novembro, unha actividade de sensibilización con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora cada 25 de novembro. A iniciativa busca promover a igualdade e abrir un espazo de reflexión sobre os roles, as responsabilidades e as esixencias que aínda recaen sobre as mulleres.
A actividade consistirá na representación do teatro foro Emma baixo a auga, unha proposta participativa que aborda a presión de ter que responder simultaneamente a múltiples responsabilidades e á esixencia de ser unha muller «multitarefa».
A obra presenta a historia de Emma, unha muller que intenta manter o equilibrio nunha vida cada vez máis complicada, marcada por un traballo esixente, a maternidade recente, o coidado do seu pai viúvo e unha relación de parella na que apenas conta coa colaboración da outra persoa.
A representación terá lugar ás 11.30 horas no Salón de Actos Municipal de Abadín. A través desta proposta, o Concello pretende fomentar a reflexión colectiva, compartir experiencias e sensibilizar a cidadanía sobre a igualdade e a violencia de xénero.
Desde o Concello lembran que a igualdade é unha responsabilidade de toda a sociedade e destacan a importancia de iniciativas que contribúan a cuestionar os estereotipos e avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.