Abadín inicia as obras de mellora de oito camiños rurais do municipio

TerraChaXa
As actuacións abranguen vías situadas nas zonas do Valado, Zonán, As Veiguiñas, Os Tarraxís, A Choqueira, Chao do Covo, Carballal e Tezán
concello-de-abadin
26 Oct 2026

O Concello de Abadín vén de iniciar os traballos de acondicionamento de varios camiños municipais que dan acceso a diferentes núcleos de poboación, co propósito de mellorar as comunicacións e facilitar os desprazamentos da veciñanza.

As actuacións abranguen vías situadas nas zonas do Valado, Zonán, As Veiguiñas, Os Tarraxís, A Choqueira, Chao do Covo, Carballal e Tezán. A intervención permitirá mellorar o estado destas infraestruturas e favorecer unhas condicións de circulación máis seguras e cómodas para as persoas residentes.

A renovación dos camiños tamén busca facilitar o acceso ás explotacións gandeiras e ás propiedades rurais, contribuíndo así ao desenvolvemento da actividade no territorio e ao mantemento dos servizos no rural.

Os traballos contan co financiamento da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), no marco do Plan de Camiños Rurais 2026.

Con esta intervención, o Concello de Abadín continúa coas actuacións destinadas á conservación e mellora das infraestruturas municipais, co obxectivo de favorecer a mobilidade e contribuír á calidade de vida da poboación das distintas parroquias.

0.14865493774414