Abadín inicia as obras de mellora de varios camiños municipais

O Concello de Abadín vén de iniciar as obras de mellora de varios camiños municipais que dan acceso ás entidades de poboación da Choqueira, Chao do Covo, Carballal e Tezán.
Os traballos teñen como finalidade mellorar o estado das vías municipais, facilitar os desprazamentos da veciñanza e garantir unhas comunicacións máis seguras e cómodas. Ademais, as intervencións contribuirán a mellorar os accesos ás propiedades e ás explotacións rurais.
O investimento total ascende a 105.971,50 euros e está financiado a través do Plan de Camiños Rurais 2026 da Xunta de Galicia, xestionado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). A empresa encargada de executar as obras é Construcciones Cholo, S.L.
Desde o Concello destacan que estas actuacións forman parte do traballo municipal para mellorar as infraestruturas e conservar os camiños rurais, considerados fundamentais para a mobilidade, a actividade económica e a calidade de vida da veciñanza.