Abadín mellora a drenaxe do acceso ao núcleo de Coido, na parroquia da Graña

O Concello de Abadín está a levar a cabo unha actuación de mellora da drenaxe no vial de acceso ao núcleo de Coido, situado na parroquia da Graña, co obxectivo de optimizar a evacuación das augas pluviais e incrementar a seguridade e conservación da infraestrutura viaria.
Os traballos desenvólvense ao longo de 290 metros de estrada e inclúen a construción dunha cuneta remontable en forma de media cana destinada á recollida das augas de choiva e á súa condución cara aos sumidoiros existentes.
A intervención complétase coa instalación dunha condución formada por un tubo de 400 milímetros de diámetro, que permitirá canalizar adecuadamente as escorrentías e mellorar o sistema de drenaxe da vía, reducindo os problemas derivados da acumulación de auga durante os episodios de precipitación.
As obras están a ser executadas pola empresa Construcciones Cholo, S.L., con sede en Vilalba, e forman parte das actuacións impulsadas polo Concello para mellorar as infraestruturas e os servizos nos distintos núcleos rurais do municipio.