Abadín organiza unha andaina por etapas polo Camiño de Santiago ata Compostela

TerraChaXa
Todas as etapas contarán con servizo de transporte en autobús, con saída desde a praza ás 8.00 horas
andaina-catedral-de-santiago-abadin
10 May 2026

O Concello de Abadín pon en marcha unha nova andaina por etapas polo Camiño de Santiago que permitirá ás persoas participantes completar o percorrido ata a Catedral de Santiago de Compostela ao longo de varias xornadas.

A actividade desenvolverase entre o 24 de maio e o 5 de xullo de 2026, estruturada en sete etapas que conectarán Abadín con Santiago. O itinerario comezará o 24 de maio co tramo Abadín–Vilalba e continuará o 31 de maio entre Vilalba e Baamonde. Xa en xuño, as etapas serán Baamonde–Miraz o día 7, Miraz–Sobrado dos Monxes o día 14, Sobrado–Arzúa o 21 e Arzúa–Monte do Gozo o 28. A última xornada, prevista para o 5 de xullo, cubrirá o tramo final desde Monte do Gozo ata Santiago de Compostela.

Todas as etapas contarán con servizo de transporte en autobús, con saída desde a praza de Abadín ás 8.00 horas e regreso ao finalizar cada percorrido, facilitando así a participación da veciñanza en todas as xornadas.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición no propio Concello de Abadín ou a través do teléfono 982 50 80 21.

Esta iniciativa busca promover a actividade física, o contacto coa natureza e a convivencia, ao tempo que pon en valor o patrimonio vinculado ao Camiño de Santiago.

0.116455078125