Abadín participa no arranque do proxecto Saberes do Monte para conservar os hábitats de montaña

O Concello de Abadín acolleu o pasado 30 de xuño a primeira reunión de traballo do proxecto Saberes do Monte, unha iniciativa orientada á conservación e restauración de hábitats de alto valor ecolóxico en cinco áreas de montaña de Galicia, entre as que se atopa a Serra do Xistral.
O proxecto ten como obxectivo impulsar a protección do patrimonio natural a través do apoio a actividades tradicionais vinculadas ao territorio, como a gandaría extensiva, o manexo tradicional dos cabalos en liberdade, a apicultura e o ecoturismo. Estas prácticas considéranse fundamentais tanto para o desenvolvemento sostible do medio rural como para a conservación de espazos naturais de gran relevancia, entre eles os queirogais, as turbeiras, os prados e os bosques autóctonos.
Durante o encontro presentáronse as entidades socias que forman parte da iniciativa: a Fundación Juana de Vega, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Asociación Galega de Custodia do Territorio. Ademais, déronse a coñecer as principais liñas de actuación previstas para os próximos tres anos.
Na reunión participaron tamén persoas vinculadas ao territorio que terán un papel activo no desenvolvemento do proxecto. Os asistentes puideron coñecer de primeira man os obxectivos e accións previstas, nunha iniciativa que destaca polo seu carácter colaborativo e pola implicación directa das comunidades locais.
Entre as actuacións programadas figuran a restauración de hábitats naturais, a procura de novas vías de financiamento para apoiar ás persoas que contribúen ao mantemento destes espazos e o impulso da marca Saberes do Monte, unha ferramenta destinada a poñer en valor produtos vinculados ao territorio, como o mel e a carne, así como a oferta de ecoturismo asociada ás áreas de montaña.
Desde o Concello de Abadín subliñan que a participación neste proxecto reforza o compromiso municipal coa conservación do patrimonio natural e coa promoción dun modelo de desenvolvemento rural sostible. A iniciativa pretende contribuír á preservación dos valores ambientais do territorio ao tempo que favorece a creación de novas oportunidades económicas e sociais para o futuro das zonas de montaña galegas.