Abadín pon en marcha as súas Escolas Deportivas cunha programación para todas as idades

O Concello de Abadín pon en marcha este mes de outubro as Escolas Deportivas Municipais, unha iniciativa pensada para fomentar a práctica deportiva, os hábitos saudables e, especialmente, para que os máis pequenos desfruten facendo actividade física.
A programación inclúe diferentes actividades ao longo da semana. Os luns haberá bádminton, de 15:15 a 16:15 horas, mentres que os martes e xoves será a quenda do fútbol, no mesmo horario. Os mércores ofrecerase patinaxe, tamén de 15:15 a 16:15 horas, e os venres haberá natación, de 15:15 a 17:30 horas.
As actividades de bádminton, fútbol e patinaxe serán gratuítas, mentres que a inscrición na actividade de natación terá un custo de 9 euros ao mes por neno ou nena. A proposta está aberta a todas as idades.
As Escolas Deportivas están organizadas polo Concello de Abadín coa colaboración da ANPA Abadín e do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño. A iniciativa busca ofrecer un espazo para practicar deporte, compartir experiencias e favorecer hábitos de vida saudables entre a veciñanza.
As persoas interesadas poden solicitar máis información e formalizar as autorizacións correspondentes para a participación dos menores nas distintas actividades.