Abadín remata as obras de aglomerado asfáltico en Mide e no acceso ao local social de Vilarente

O Concello de Abadín vén de finalizar os traballos de aglomerado asfáltico en Mide, na parroquia de Moncelos, e no acceso ao local social de San Xoán de Vilarente. As dúas actuacións teñen como obxectivo mellorar o estado das vías e facilitar os desprazamentos da veciñanza.
No caso de Mide, a intervención permitiu renovar a superficie de rodaxe, mellorando a seguridade e a comodidade da circulación nunha vía utilizada habitualmente pola poboación da parroquia.
Pola súa banda, os traballos realizados no acceso ao local social de Vilarente permiten mellorar a entrada a este espazo de encontro veciñal e as condicións de uso das instalacións.
A empresa Cholo S.L. foi a encargada de executar ambas as actuacións. Desde o Concello destacan que estes traballos forman parte do labor municipal de mantemento e mellora das infraestruturas e dos espazos públicos das distintas parroquias, co propósito de favorecer a mobilidade e a calidade de vida no rural.