Abadín renovará 156 puntos de luz con tecnoloxía LED para mellorar a eficiencia enerxética

TerraChaXa
O proxecto, financiado integramente polo Fondo de Compensación Ambiental, suporá un investimento de máis de 94.000 euros e permitirá reducir o consumo eléctrico e os custos de mantemento
led-lampada-rua
28 Jul 2026

O Concello de Abadín levará a cabo unha nova actuación para continuar coa modernización do alumeado público mediante a substitución de 156 luminarias por equipos de tecnoloxía LED. A intervención permitirá mellorar a eficiencia enerxética, reducir o consumo eléctrico, aumentar a calidade da iluminación e diminuír os custos de mantemento das instalacións municipais.

O proxecto conta cun investimento de 94.412,16 euros e estará financiado ao cento por cento a través do Fondo de Compensación Ambiental.

As actuacións desenvolveranse en diferentes rúas e espazos públicos do casco urbano de Abadín e tamén no núcleo de Gontán. Entre as zonas nas que se renovará o alumeado figuran a Avenida de Galicia, Camiño Real, Calvo Sotelo, Rúa Real, Rúa da Fonte, a Praza do Campo da Feira, a Praza de Gontán, a Estrada de Fanoi, a vía que comunica Labrada con Gontán e o barrio das Pedreiras.

A intervención permitirá retirar as antigas luminarias de sodio, vapor de mercurio e halóxenos para instalar novos equipos LED de última xeración, unha actuación coa que o Concello busca avanzar cara a un modelo de iluminación máis eficiente, sostible e respectuoso co medio ambiente.

Desde o Goberno municipal destacan que esta iniciativa forma parte das actuacións destinadas a modernizar os servizos públicos e mellorar a calidade das infraestruturas municipais, ao tempo que contribúe á redución do consumo enerxético e das emisións asociadas ao alumeado público.

0.11777877807617