Aberto o prazo para solicitar as novas axudas para autónomos

TerraChaXa | AMariñaXa
As persoas traballadoras autónomas de Galicia con e sen persoal contratado ao seu cargo poden solicitar as axudas da Xunta para apoiar a súa actividade.
20 Nov 2020

As persoas traballadoras autónomas de Galicia con e sen persoal contratado ao seu cargo poden solicitar as axudas da Xunta para apoiar a súa actividade. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, expuxo os detalles deste programa aos representantes de dous dos sectores máis afectados polos efectos da crise sanitaria, o do taxi e o de organización de convencións e feiras de mostras, continuando coa ronda de reunións que comezou onte coa Asociación de Hostalería, a CEL e a Federación de Comercio.

Na xuntanza participaron Rubén López, xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo; Luís Castro, presidente da Asociación Profesional de Traballadores Autónomos do Taxi da provincia, e Miguel Ángel Lostre, presidente de Radio Taxi Lugo. Arias explicou que os traballadores autónomos pertencentes a estes sectores poden optar á axuda máxima de 2.000 euros a recibir nun pagamento único, por atoparse especialmente paralizados pola pandemia.

Idéntico incentivo se contempla para outras ramas como o turismo -axencias de viaxes, operadores turísticos..-,  transporte marítimo e por vías navegables interiores, provisión de comidas preparadas para eventos, artes escénicas e exhibición cinematográfica, as que se desenvolven en atraccións de feiras -sen un establecemento aberto ao público-, outras actividades recreativas e de entretemento, e moi especialmente, como indicou o delegado, as relacionadas co ocio nocturno.

No resto de actividades, a axuda xeral será de 1.200 euros, para autónomos con e sen persoal contratado ao seu cargo que estean dados de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou Réxime do Mar como traballadores por conta propia, incluídas as persoas autónomas societarias. Deberán ter o domicilio fiscal en Galicia e ter recoñecido o cese ordinario ou extraordinario de actividade regulado no Real Decreto Lei 30/2020, de 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego.

Este é a primeira das liñas de apoios do Plan de rescate do Goberno galego, á que seguirán outras dúas dirixidas, dunha banda, a microempresas e autónomos con persoal a cargo, e doutra aos establecementos hostaleiros situados nalgún dos concellos con maior incidencia epidemiolóxica que se vexan afectados polo peche da súa actividade debido á normativa sanitaria.

Tramitación áxil e sinxela

Os apoios deste primeiro programa, convocado onte no Diario Oficial de Galicia (DOG), poden solicitarse ata o próximo 18 de decembro. A tramitación destes apoios será áxil e sinxela, por medio dunha declaración responsable por parte do solicitante. A finalidade do programa é a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas para facer fronte á situación económica motivada pola covid-19 co obxectivo de contribuír ao mantemento da actividade económica e do emprego.

O Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas da Xunta, que se consensuou no seo do Diálogo Social e na Mesa do Emprego Autónomo, e que inclúe unha liña específica de axudas urxentes ao sector da hostalería afectado polo peche decretado pola autoridade sanitaria, está dotado con preto de 80 millóns de euros para manter a actividade de 30.000 autónomos e de 10.000 microempresas.

Plataforma Gohu

A Xunta, ademais, para resolver calquera dúbida sobre este programa de axudas e outros plans da Consellería de Emprego e Igualdade volve a activar a aplicación móbil (app) Gohu, a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo electrónico hola@gohu.es para informar en todo momento das novidades. A App pódese descargar para teléfonos con iOS na ligazón https://apps.apple.com/es/app/gohu/id1458130660 e para Android en https://play.google.com/store/apps/details?id=com.nedaware.postall. Ambas as dúas ligazóns están dispoñibles na páxina web: www.gohu.es.

A páxina web da oficina do autónomo abriu tamén unha sección específica para achegar a información sobre o plan de rescate ao colectivo.

0.14009714126587