Abre a licitación da segunda fase da mellora do abastecemento de auga en Outeiro de Rei
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación da 2ª fase da mellora do abastecemento de Outeiro de Rei, que completará a ampliación da rede deste municipio. Esta actuación suporá un investimento de 162.000 euros e o obxectivo é que estea á disposición do municipio a finais do vindeiro ano.
Vázquez Mourelle presentou hoxe no concello esta actuación, coincidindo co inicio da contratación das obras, que xa recolle a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. As empresas interesadas en executar estas obras poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 23 de xaneiro.
A Xunta financiará o 80% da intervención, achegando o Concello o 20% restante do orzamento.
A conselleira precisou que a previsión é adxudicar os traballos no vindeiro verán e dado que teñen un prazo de execución de 2 meses, a finais de 2023 o reforzo do sistema de abastecemento estará completo.
Explicou que esta 2ª fase consistirá na ampliación da rede mediante a instalación dun ramal que conectará coa rede actual na zona empresarial de Outeiro de Rei, pasando baixo a A-6.
Lembrou que estes traballos darán continuidade á 1ª fase xa executada, que abrangueu un ramal de máis de 3 quilómetros de condución. Estas actuacións supuxeron un investimento de 500.000 euros.
Con estas intervencións, indicou que a Xunta traballa para proporcionar un servizo de abastecemento eficiente aos veciños e ás empresas do polígono. Así, resólvense as deficiencias que presentaba o sistema de abastecemento deste municipio.
A conselleira recordou que o Goberno galego tamén está a traballar para licitar nas próximas semanas a redacción do proxecto da nova depuradora en Outeiro de Rei co fin de mellorar o sistema de saneamento e depuración do municipio lucense.
Fixo fincapé en que a Xunta segue a prestar apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan desenvolver de forma eficiente as súas responsabilidades de saneamento e abastecemento.