Abre ao público o mercado das Pontes tralas obras de remodelación

TerraChaXa
A obra actuou tamén sobre toda a franxa que abrangue os aseos comúns do extremo oeste, renovando os acabados e louza dos aseos comúns existentes
FIN-OBRAS-MERCADO-AS-PONTES
19 Nov 2024

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado da concelleira de Promoción Económica, Elena López, visitaba esta mañá o mercado municipal tras a finalización das obras de mellora do interior das instalacións.

Coa previsión da apertura ao público este martes 19 de novembro, o alcalde amosábase moi satisfeito. “Conseguimos convertelo nun lugar transparente, con moita luz, e tamén accesible. Destacamos tamén as melloras na insonorización tendo en conta que na planta superior atópase a biblioteca municipal. Todo isto nun tempo record de dúas semanas grazas ao esforzo da empresa construtora, dos técnicos, da dirección de obra e do persoal de obras do Concello.”

Esta obra, cun orzamento total de 124.499 euros, cargo á liña de axudas da Consellería de Economía para o impulso dunha rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, cofinanciado polo Concello das Pontes.

O proxecto tivo como obxectivos prioritarios unificar a imaxe exterior dos postos e do espazo común, mellorar a acústica do espazo e o illamento térmico así como renovar os aseos existentes e recolocar o aseo accesible, para deste xeito encamiñar o espazo a unha compatibilidade coa futura ampliación prevista no anteproxecto de mellora da contorna do mercado das Pontes, xerando unha distribución que permita a futura apertura dunha nova porta na fachada oeste.

Ademais de todas estas melloras estruturais e estéticas, a obra tamén inclúe novos elementos como bancos, ou unhas pantallas informativas, nas que segundo indicaba o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, “a veciñanza poderá recibir información dos eventos que hai no Concello, ou os praceiros e praceiras van poder publicitar os seus produtos e ofertas”.

Co obxectivo de racionalizar os espazos existentes e dotar ao mercado das Pontes de maior funcionalidade e atractivo, unificouse a imaxe exterior dos postos de venta co revestimento dos piares integrados no frontal dos postos, a colocación dun novo azulexado e tamén un novo friso en madeira, no que se instalaron as serigrafías dos diferentes postos, en aluminio lacado.

No caso da zona común colocouse un falso teito de panel acústico de labra de madeira con novas luminarias led.

A obra actuou tamén sobre toda a franxa que abrangue os aseos comúns do extremo oeste, renovando os acabados e louza dos aseos comúns existentes. Asemade modificouse a disposición das portas para adaptarse á distribución de lavabos xa existentes e recolocar o volume de aseo accesible. Finalmente, na nova entrada aos aseos creouse un espazo cunha nova dotación de taquillas de uso común.

0.16595101356506