Abre as inscricións para participar no Certame de Cantería de Parga, que repartirá 1.500 premios

TerraChaXa
Estarán habilitadas na sede electrónica municipal ou no rexistro do Concello ata o 13 de xullo ata un máximo de 15 persoas
ramon-villar-pardinas-canteiro1
3 Jul 2026

O Concello de Guitiriz abre o prazo de inscrición para participar no XXVIII Certame de Cantería de Parga, que se celebrará o vindeiro domingo 19 de xullo no marco da XXXI Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga. As persoas interesadas en participar poderán presentar a súa solicitude ata o día 13 de xullo a través da sede electrónica municipal ou no rexistro do Concello.

Repartiranse un total de 1.500 euros en premios: 750 euros para a obra gañadora, 500 euros para o segundo premio e 250 euros para o terceiro. As esculturas premiadas pasarán a ser propiedade da organización.

Este certame, xa toda unha tradición durante a época estival no municipio chairego, ten como principal obxectivo promover e poñer en valor o oficio tradicional de canteiro, así como a pedra, un dos recursos patrimoniais e turísticos máis representativos do municipio.

A participación estará limitada a un máximo de 15 persoas, que serán admitidas por rigorosa orde de inscrición. A organización facilitará a cada participante un cachote de granito silvestre para a realización da súa obra, sendo o tema completamente libre. As persoas concursantes deberán acudir coas ferramentas manuais que consideren necesarias para desenvolver o seu traballo, como macetas, punteiros, ciceis ou outras propias do oficio.

A xornada do certame desenvolverase entre as 09:00 e as 14:00 horas do domingo 19 de xullo. Durante esa franxa horaria, cada participante poderá organizar o seu tempo de traballo como estime conveniente.

O xurado estará integrado por un mínimo de tres e un máximo de cinco persoas designadas pola organización. Na valoración das obras teranse en conta criterios como a innovación e orixinalidade, a calidade técnica, a estética da escultura e a complexidade da súa execución.

0.13976097106934