Abre na Pastoriza o primeiro parque eólico experimental para o autoconsumo de España
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou que, grazas ao traballo que está a desenvolver Norvento, Galicia conta co primeiro parque eólico experimental para solucións de autoconsumo que se pon en marcha en España.
Nunha visita ás instalacións, onde estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o vicepresidente económico subliñou que este proxecto vai supoñer unha oportunidade para achegar ao sector novas solucións tecnolóxicas e de I+D+i que o fagan máis eficiente.
Segundo dixo, "esta infraestrutura permitirá implantar e testear aeroxeradores de entre 100 e 900 kW de potencia que deseña e fabrica Norvento. Un tipo de aeroxeradores coa tecnoloxía máis innovadora do sector para proporcionar baixos prezos enerxéticos en proxectos de enerxía distribuída e repotenciación de parques co mínimo impacto".
A previsión da empresa é que estas instalacións cheguen a albergar tres modelos máis, aparte do que xa está instalado, ata acadar os 2MW de potencia total. A maiores, tamén se instalará un sistema de almacenamento eléctrico con baterías deseñado pola empresa pensado para redes de distribución, supercargadores do vehículo eléctrico e industrias ou plantas de xeración renovable.
Conde recoñeceu que "tras este gran proxecto de Norvento hai un traballo de investigación que a empresa leva desenvolvido ao longo destes últimos anos. E hai unha aposta por poñer as enerxías renovables ao servizo da industria, que é un dos obxectivos da Xunta cando falamos de impulsar o desenvolvemento deste sector. Un desenvolvemento do sector das renovables, en xeral, que dea reposta ás principais necesidades que a industria ten neste momento: o prezo eléctrico, a eficiencia enerxética, a sustentabilidade e a competitividade".