Abre en Pino unha nova quenda para a actividade de ximnasia de mantemento

O Concello de Cospeito e a Asociación Cultural de San Martiño de Pino abrirán unha nova quenda para participar na actividade de ximnasia de mantemento dirixida a persoas adultas e maiores, debido ao elevado número de persoas interesadas en incorporarse á iniciativa.
Esta nova sesión desenvolverase os mesmos días que a quenda xa existente, pero nun horario diferente, de 19.30 a 20.30 horas, co obxectivo de facilitar a participación de máis veciños e veciñas. A outra sesión pasa a celebrarse de 18.30 a 19.30 horas.
A actividade busca promover hábitos saudables mediante a práctica de exercicio moderado e adaptado aos diferentes niveis físicos, contribuíndo a mellorar a mobilidade e coidar a saúde. As sesións combinan traballo cardiovascular e exercicios de forza, ademais de propostas de mobilidade articular, flexibilidade, fortalecemento muscular, equilibrio e estiramentos.
A iniciativa pretende favorecer o benestar físico e emocional das persoas participantes, así como fomentar a convivencia e a socialización nun ambiente participativo.
As actividades desenvólvense en espazos adaptados facilitados polas entidades organizadoras, concretamente no Local Social de Pino e no Pavillón Municipal de Deportes.