Abre hoxe nas Pontes o centro de interpretación A Mina

TerraChaXa
As Pontes abre hoxe o centro de interpretación A Mina. Situado na antiga Casa da Enerxía e alberga unha mostra de historia industrial
museo a mina as pontes 3
26 May 2023

O Concello das Pontes abre hoxe, venres 26 de maio, o centro de interpretación A Mina.  O espazo, posto en marcha coa colaboración da Asociación de Estudos Históricos e Sociais Hume, responsable da elaboración dos contidos expositivos, está situado na antiga Casa da Enerxía e alberga unha mostra sobre a historia industrial das Pontes vinculada á mina de lignito pardo e cedida por Endesa.

Así, a través de contidos gráficos, audiovisuais e paneis interpretativos, o público asistente poderá afondar en aspectos relacionados coa formación do xacemento mineiro pontés e as súas características xeolóxicas.

As persoas visitantes tamén se poderán achegar ás primeiras actividades extractivas realizadas na mina das Pontes pola Empresa Nacional Calvo Sotelo (ENCASO), na década dos anos 50, e poderán coñecer o día a dia do xacemento a través da testemuña dos seus protagonistas.

A continuación, ás persoas que visiten o centro de interpretación mergullaranse na década dos ano 70, momento no que o Instituto Nacional de Industria decide reorganizar os seus activos e transfire o complexo eléctrico mineiro das Pontes á Empresa Nacional de Electricidade Endesa, comezando unha nova etapa da historia industrial do municipio.

A partir de aí o público visitante poderá coñecer en profundidade os 30 anos de historia da mina das Pontes, o proceso extractivo utilizado e descubrir as infraestruturas e os equipamentos empregados na actividade mineira, as súas características, o proceso de transformación do carbón en electricidade así como a actividade diaria na mina e na central térmica a través da voz dos empregados e empregadas da compañía.

Ocupa un lugar destacado a información relativa aos procesos de rexeneración ambiental levados a cabo tanto no vertedoiro como no oco mineiro a través do que as persoas visitantes poderán obter información sobre as distintas fases de execución e recursos empregados en ambas intervencións de recuperación dos espazos.

No centro de interpretación A Mina, que nace coa vocación de ser un espazo vivo, con contidos que irán cambiando ao longo do tempo, as persoas visitantes poderán coñecer os fitos máis importantes da historia do complexo eléctrico-mineiro das Pontes, desde o descubrimento de carbón nas Pontes ata o fin da actividade mineira, pasando pola construción da central térmica.

Hai tamén unha sala destinada ás curiosidades, tanto sobre o complexo eléctrico mineiro como sobre a enerxía, con contidos especificamente deseñados para o público infantil co obxectivo de que se acheguen á historia da vila, da industria e da enerxía dunha forma amena e divertida.

Ademais o centro de interpretación conta cunha sala multidisciplinar que está pensada para albergar todo tipo de propostas culturais, desde a presentación de revistas, á proxección de documentais ou conferencias sobre temas relacionados coa industria, a minería ou a enerxía, entre outros.

A Mina conta tamén cun espazo habilitado para acoller exposicións temporais. Será a exposición elaborada pola Asociación de Estudos Históricos e Sociais Hume, coa colaboración do Concello das Pontes e a Deputación da Coruña, sobre o poboado de vivendas industriais de Encaso nas Pontes (o poboado das Veigas) a encargada de abrir o calendario expositivo.

As persoas interesadas en visitar o centro de interpretación “A Mina” poderán facelo o venres 26 de maio e o sábado 27 de maio-, de 17:00 a 19:00 horas- sen necesidade de concertar cita previa. A partir do día 29 de maio será preciso chamar ao teléfono 981 453 116 para fixar día e hora da visita.

museo a mina as pontes 2
museo a mina as pontes1
0.1413459777832