Abre na Delegación da Xunta a mostra homenaxe aos irmáns Coira

TerraChaXa | LugoXa
A Delegación Territorial da Xunta inaugurou a exposición O cinema dos Irmáns Coira, adicada a Pepe e Jorge Coira dentro dos actos de recoñecemento que lles brinda a 45ª Semana de Cine de Lugo.
exposicion irmans coira lugo rabade
exposicion irmans coira lugo rabade
20 sep 2023

A Delegación Territorial da Xunta inaugurou a exposición O cinema dos Irmáns Coira, adicada a Pepe e Jorge Coira dentro dos actos de recoñecemento que lles brinda a 45ª Semana de Cine de Lugo. Ademais da apertura da mostra, formada por seis paneis que repasan a súa traxectoria; presentouse un libro homenaxe e proxectáronse os dous primeiros títulos do ciclo Retrospectiva Irmáns Coira: Eloxio da Distancia e 18 Comidas.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participaron no acto, que contou coa presenza de Pepe Coira; do director da Semana de Cine, Manuel Curiel; e de Xulio Xiz, presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, organizador deste certame audiovisual.

A Delegación da Xunta en Lugo é a primeira en acoller unha sala de cine como a que poderemos desfrutar estes días no seu auditorio. A exposición estará na entrada do edificio da Xunta ata o venres, cando pasará á Biblioteca Pública de Lugo, onde poderá visitarse ata o 4 de outubro.

Así mesmo, nos vindeiros días continuarán no Salón de Actos da Delegación Territorial as proxeccións do ciclo adicado aos irmáns Coira. Hoxe -mércores 20 – proxectarase o documental A Seara (18.00) e o filme Eroski Paraíso (20.00 horas); e o xoves 21 Beiras, vivir 2 veces (18.00 horas) e Código Emperador (20.00 horas). A Semana de Cine de Lugo, que conta co apoio da Administración galega, inclúe 135 títulos repartidos en varias seccións que poden verse estes días en cinco espazos da cidade.

Consulta o programa de proxeccións da Semana de Cine

Consulta o programa das actividades paralelas

0.17488312721252