Abre o Green Coworking das Pontes, especializado no sector das enerxías renovables e o hidróxeno
Valentín González Formoso inaugurou onte o centro, pioneiro no seu ámbito, que se suma á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación. Coa súa adhesión, a Rede Provincial de Coworking pasa a estar integrada por 11 centros, cada un deles especializado en sectores como o audiovisual, o mar, ou a transformación de produtos do agro.
O Green Coworking das Pontes súmase á Rede Provincial de Coworking, impulsada desde a Deputación da Coruña, coa posta en marcha dun espazo destinado a apoiar proxectos emprendedores relacionados coas enerxías renovables e o hidróxeno verde. O presidente provincial e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, inaugurou onte, xunto a José Castro Romero, presidente da Asociación de Empresarios Seara, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo Castro, este espazo localizado no polígono industrial de Penapurreira.
González Formoso quixo dar en primeiro lugar as grazas a Seara "por permitirnos facer realidade algo que, como Deputación, como provincia, como territorio enerxético que somos e como Concello, era a nosa máxima convicción: incorporar un espazo no que poder subirse ao vector que a Unión Europea establece como o seu primeiro obxectivo estratéxico, a autosuficiencia enerxética".
O presidente provincial explicou que os centros temáticos da Deputación "son distintos ao resto, quixemos darlles unha visión distinta buscando que aqueles que compartisen un espazo físico tivesen tamén un espazo común onde os emprendedores poidan compartir intereses". "Creo que o conseguimos, os coworkings da Rede da Deputación da Coruña son hoxe referencia a nivel nacional", afirmou.
Territorio de oportunidades no ámbito enerxético
"Faltábanos un coworking especializado no sector enerxético, que é o que nos ten que distinguir como territorio de oportunidades", destacou Formoso. "Aquí hai 10 empresas que xa están comezando a traballar, que teñen sinerxías entre todas elas, desde a xeración enerxética con hidróxeno ata a enerxía eólica, o mantemento das instalacións industriais, empresas de prevención de riscos laborais especializadas no ámbito enerxético, de servizos auxiliares en montaxe e desmontaxe do ámbito enerxético... En definitiva, que teñen algo que ver entre elas e que van ter aquí unha posibilidade de medrar xuntas, que é o que buscamos", salientou.
Durante a súa intervención Formoso quixo facer fincapé nas "empresas que están confiando nas Pontes como centro futuro no ámbito doutro tipo de xeración enerxética e no reto do almacenamento de enerxía e que hoxe están aquí presentes como son Reganosa, ENEL e EDP, e outras que virán". "Temos que apostar por iso, non pode ser a administración a que bloquee a ilusión de moitísimas familias de ter unha oportunidade laboral na súa comarca. As Pontes é o maior centro de produción enerxética do país e o seguirá sendo", remarcou.
Falta de liderado da Xunta no eido das enerxías renovables
Por último, Formoso alertou de que "levamos anos cun parón no investimento no ámbito das renovables por falta de convicción da Xunta de Galicia, que ten que liderar unha política enerxética que signifique que reteñamos talento galego, que reteñamos e creemos emprego e que xeremos oportunidades laborais nun ámbito que non nos poden sacar". "O vento non vai marchar de aquí, a auga non vai marchar de aquí. Eses recursos son os que nos teñen que dar oportunidades laborais, fortalecemento do tecido produtivo galego, autosuficiencia enerxética e unha subministración de enerxía a prezos máis competitivos", subliñou.
Pola súa parte, José Castro explicou que "cando SEARA deseñou esta iniciativa quixo contar coa colaboración dos clúster e as organizacións máis representativas do sector das enerxías renovables e do hidróxeno porque consideramos que a súa achega fortalecerá os proxectos que saían deste espazo" e resaltou "a filosofía coa que se traballou neste proxecto: a colaboración público-privada", agradecendo á Deputación da Coruña e ao seu presidente o apoio recibido para poñer en marcha este espazo coworking". "É unha gran responsabilidade para nós", indicou.
Ademais, Castro Romero apuntou que, desde SEARA proporcionarán titorización e asesoramento nos primeiros anos de vida das iniciativas emprendedoras que se implanten no GreenCoworking pontés para procurar o seu asentamento definitivo no territorio.
Un espazo de 196 metros cadrados con capacidade para 16 proxectos
O GreenCoworking nace co obxectivo de potenciar a creación de proxectos empresariais relacionados con este sector de actividade nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, así como propiciar a aparición sinerxias e colaboracións entre as empresas do sector, que poidan achegar contido de valor aos proxectos que se desenvolverán nestas comarcas.
Ao evento asistiron diversas asociacións, como Asime, SECOT, Cluergal, Viratec, Acluxega, o clúster Biomasa e a Asociación Gallega del Hidrógeno; representantes do concello das Pontes e da Deputación da Coruña, empresas asociadas a SEARA, así como parte dos coworkers que se atopan desenvolvendo o seu traballo empresarial neste centro. Durante o acto inaugural todos eles tiveron oportunidade de realizar unha visita guiada polas instalacións do espazo e de conversar compartindo un café de networking.
Este novo espazo, situado no propio Centro de Empresas de Seara, conta con 196 metros cadrados para desenvolver 16 proxectos empresariais nunha zona totalmente diáfana. Conta cun locutorio, cunha sala de videoconferencias e cunha zona de descanso.
Asesoramento, apoio e titorización para o emprendemento
As persoas usuarias ademais de ter á súa disposición todos os espazos dos que dispón o propio Centro de Empresas como salas de formación, sala de reprografía, salón actos, etc. poderán beneficiarse dun servizo de asesoramento e consultoría en materia de axudas públicas, especialmente axudas europeas; dun servizo de asesoramento xurídico a través dun bufete de avogados con dilatada experiencia; de todos os eventos networking que nel se organicen e da formación e intercambio de coñecementos sobre temas relacionados coas enerxías renovables e o hidróxeno que nel se realicen. De feito, a Deputación da Coruña contribúe co financiamento destas actividades cunha achega de 49.720 euros, o que representa unha porcentaxe de preto do 80 % do orzamento total de gasto do proxecto, que ascende a un total de 62.150 euros.
Formoso destaca que "faltábanos un coworking especializado no sector enerxético, que é o que nos ten que distinguir como territorio de oportunidades"
Actualmente seis empresas presentaron a súa solicitude para incorporarse a este espazo coworking: unha enxeñería electrónica, unha empresa de reparación e mantemento eólico, unha firma de formación especializada no sector eólico, unha empresa de instalación de placas solares, un negocio de mantemento industrial que traballa para o sector eólico e unha empresa de fabricación de pezas eólicas.
A posta en funcionamento do Green Coworking constitúe un proxecto vital para a zona, debido ao contexto socioeconómico complexo que atravesa actualmente, que pon de manifesto a firme aposta da presente corporación pola innovación e a transición ecolóxica do territorio.
Un modelo de coworking sectorial único
"Con este son xa once os centros de coworking da Deputación que puxemos en marcha na provincia da Coruña desde 2019", destacou Valentín González Formoso, que subliñou "a aposta que facemos desde a Deputación, creando unha gran rede de espazos de traballo colaborativo sectoriais, especializados nun determinado ámbito profesional, un modelo único no país". Formoso incidiu na importancia de que os centros "aproveiten o potencial e as particularidades propias de cada territorio" e ademais "fomenten sinerxias" e entre emprendedoras e emprendedores dun sector determinado.
"A Rede Provincial de Coworking pretende xerar oportunidades para a xente moza no mundo rural, fomentando a iniciativa empresarial e o autoemprego", explicou o presidente.
O novo Green Coworking das Pontes forma xa parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, á que tamén están adheridos os centros do Pazo de Arenaza de Oleiros, Fórum Carballo, Daquí Darredor de Brión, o LAB Barbanza de Boiro, o centro de emprendemento A Proa de Ames, o centro de desenvolvemento comarcal de Moeche, o coworking da Capela, o centro de emprendemento A Estación de Vedra, o coworking A Pobra e o Coworking Dixital Compostela en Santiago.