Abre o martes un novo prazo para a recollida de plásticos de silo en Vilalba

TerraChaXa
O goberno local vén de anunciar as datas de recollida de plásticos agrícolas nos puntos habituais das parroquias do Concello.
arbol
15 Feb 2020

O goberno local vén de anunciar as datas de recollida de plásticos agrícolas nos puntos habituais das parroquias do Concello. Desde o 17 ao 29 de febreiro deberanse depositar os plásticos de silo nos puntos habituais para proceder á súa recollida. Fóra destas datas, quedará totalmente prohibido.

“Chamamos á concienciación e ao respecto da veciñanza para reducir o impacto medio ambiental”, subliñou o tenente de alcalde, Rodrigo Pavón. Neste senso, lembrou que os residuos plásticos agrícolas orixinan problemas medio ambientais se non son tratados ou almacenados axeitadamente ou se queiman de forma incontrolada. “Queremos previr e erradicar todo tipo de contaminación, así como o impacto negativo que produce na zona rural co obxectivo de manter as parroquias limpas”, destacou.

Ademais, desde o Concello puxeron de manifesto que facilitarán ás distintas asociacións e entidades a progresiva construción de puntos de acopio para regularizar zonas delimitadas onde depositar estes residuos. Tal é o caso do recente espazo situado na parroquia de San Lourenzo de Árbol, que xa se porá en funcionamento nesta recollida do mes de febreiro.

O Concello lembra que no mes de abril abrirase outra quenda para depositar os plásticos de silo, que será do 13 ao 26 de abril.

0.1765820980072