Abre o prazo de inscrición a un taller para mulleres maiores de 55 anos sobre empoderamento

TerraChaXa
Todas as actividades levaranse a cabo na aula polivalente da Casa Dopeso, desde o 28 de outubro ata o 22 de decembro
Imaxe recurso de empoderamento feminino
20 Oct 2024

O Concello das Pontes abre o luns, 21 de outubro, o prazo de inscrición no taller Mirada Feminina a través da Arte, dirixido a mulleres maiores de 55 anos, residentes no municipio.

Unha proposta que, en palabras de Tania Pardo, concelleira de Igualdade “ten como obxectivo, por medio dunha aproximación ao papel da muller no mundo da arte, promover o empoderamento das participantes mediante o desenvolvemento da súa autonomía emocional, persoal e psicolóxica. Por medio deste obradoiro buscamos tamén crear un espazo de reflexión que lles axude a identificar cales son as súas necesidades, onde están e cara a onde queren dirixir a súa vida, tomando conciencia da importancia do autocoidado e do benestar persoal para o seu desenvolvemento e o crecemento individual”.

O taller comprende actuacións de intervención grupal directa coas mulleres participantes nas que a través de diferentes pezas artísticas se abordarán cuestións relacionadas coa loita pola igualdade de xénero, o papel da muller como motor do cambio, a comunicación feminina a través da mirada, a conexión co feminino e vida de mulleres referentes dentro do mundo artístico, entre outras.

Todas as actividades se levarán cabo na aula polivalente da Casa Dopeso, desde o 28 de outubro ata o 22 de decembro, os xoves, de 10.30 a 12:30 horas. Todas as persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse a partir do 21 de outubro, no departamento de Benestar Social do Concello das Pontes ou nos números de teléfono 981 441 008 -627 779 192.

0.16541600227356