Abre o prazo de inscrición en Guitiriz para o curso de cerámica e a UNED Sénior

TerraChaXa
O primeiro contará con grupos os xoves pola tarde e os venres en horario de mañá e tarde, con prazas limitadas e preferencia para as persoas empadroadas
matricula-uned-guitiriz
14 Sep 2026

O Concello de Guitiriz abrirá este martes, 15 de setembro, os prazos de inscrición para dúas das propostas formativas que se desenvolverán no municipio durante o curso 2026/2027: o Curso de Cerámica e a UNED Sénior.

No caso do Curso de Cerámica 2026/2027, as inscricións poderán formalizarse desde as 8:30 horas do martes 15 de setembro e permanecerán abertas ata o 25 de setembro. O curso desenvolverase na Aula de Cerámica da Escola Habanera e contará con grupos os xoves pola tarde e os venres pola mañá e pola tarde.

As clases comezarán o xoves 8 de outubro e celebraranse os xoves de 16:00 a 17:30 horas, e os venres de 11:00 a 12:30 e de 18:30 a 20:00 horas. A actividade prolongarase ata o mes de maio.

O prezo será de 27 euros ao mes e as prazas serán limitadas, tendo preferencia as persoas empadroadas no municipio. As persoas interesadas poderán realizar a inscrición a través da Sede electrónica ou no Rexistro do Concello.

Música e inglés na UNED Sénior

Por outra banda, tamén este martes, 15 de setembro, abrirá o prazo de inscrición da UNED Sénior 2026/2027 na Aula do Concello de Guitiriz da UNED Sénior da Coruña.

O prazo correspondente ao primeiro cuadrimestre permanecerá aberto ata o 28 de setembro. Durante este primeiro cuadrimestre ofreceranse as materias de música e inglés, nunha proposta formativa dirixida a persoas maiores de 50 anos, independentemente da súa formación previa.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a matrícula no Concello de Guitiriz.
Para obter máis información sobre calquera das dúas propostas formativas, pódese contactar co Concello no teléfono 982 37 01 09 ou a través do correo electrónico info@concellodeguitiriz.com.

0.149747133255