Abre o prazo de presentación de solicitudes para seis parcelas no polígono Sete Pontes

TerraChaXa
O vicealcalde e responsable de Urbanismo, Modesto Renda, anunciou hoxe a apertura do proceso de adxudicación directa das parcelas de titularidade municipal adquiridas polo Concello no marco do plan de ampliación de Entrepinares.
13 abr 2024

O vicealcalde e responsable de Urbanismo, Modesto Renda, anunciou hoxe a apertura do proceso de adxudicación directa das parcelas de titularidade municipal adquiridas polo Concello no marco do plan de ampliación de Entrepinares. O Goberno Local toma de novo a iniciativa e faino logo de que as dúas últimas poxas quedaran desertas ao non cumprir os interesados coas condicións preestablecidas nas bases reguladoras.

“O noso obxectivo é dar todas as facilidades e máis ás empresas para que se instalen en Vilalba e é por isto que decidimos abrir un mes de prazo dende o día seguinte á publicación do anuncio no B.O.P (publicouse hoxe polo tanto dende mañá sábado 13) para que os autónomos interesados/as presenten as súas solicitudes, sendo as condicións da adxudicación directa as mesmas que se contemplaban nas bases da última poxa” explicou Renda.

PREZOS E SUPERFICIE DAS PARCELAS

As parcelas suman en conxunto 5.600 metros cadrados, sendo a máis grande é de 1.052 metros cadrados de superficie edificable e as dúas máis pequenas de 860,80 e o seu prezo é de 48,80 euros o metro cadrado máis IVE (os prezos encóntranse estipulados conforme a taxación que obra no expediente, efectuada a mesma conforme as determinacións do artigo 77 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia).