Abre o prazo de solicitude das axudas para a mellora de parques empresariais

TerraChaXa
A Consellería de Economía, Emprego e Industria abriu o prazo para solicitar as axudas destinadas á mellora de infraestruturas nos parques empresariais, que poden tramitarse ata o día 11 de febreiro, un programa que achegou o pasado ano 930.
16 Xan 2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria abriu o prazo para solicitar as axudas destinadas á mellora de infraestruturas nos parques empresariais, que poden tramitarse ata o día 11 de febreiro, un programa que achegou o pasado ano 930.000 euros para a execución de obras nos polígonos industriais de trece concellos lucenses.

Con este programa o ente autonómico financia ata un máximo do 80% do custo global dos proxectos presentados polos concellos para mellorar sistemas de depuración de augas, de seguridade e vixilancia, de protección destinados á loita contra incendios e contra o roubo de cable. Tamén se apoian proxectos referidos á mellora de infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores, así como a xestión de residuos. En todos os casos finánciase tamén os gastos de redacción do proxecto e de dirección da obra.

A axuda máxima é de 120.000 euros por solicitude, que alcanzará os 138.000 euros para os concellos procedentes de fusións ou agrupacións de concellos. No caso de Lugo, a totalidade dos concellos beneficiados na pasada convocatoria recibiron o importe ou a porcentaxe máxima establecida.

En concreto, no 2018 concedéronse achegas para mellorar a depuración de auga e a xestión de residuos dos polígonos de Cervo, A Pastoriza, Reboredo (Monforte de Lemos), Muimenta (Cospeito) e Friol; este último tamén destinou parte da achega a arranxar infraestruturas viarias.

Neste sentido, executaron proxectos de reforma viaria os parques de Portomarín, Outeiro de Rei, Becerreá, O Ceao (Lugo), Monterroso, Taboada e Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei), parque que tamén investiu no sistema de vixilancia. Igualmente, destinou os apoios a mellorar a seguridade o polígono de Rábade.

0.173996925354