Abre o prazo para inscribirse nos campamentos urbanos de Nadal das Pontes

O Concello das Pontes abre hoxe o prazo de inscrición para participar nos Campamentos Urbanos de Nadal 2026-2027, unha iniciativa municipal destinada a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o período de vacacións escolares, ao tempo que ofrece ás crianzas unha alternativa de lecer educativo.
O programa está dirixido a nenos e nenas nados entre os anos 2014 e 2023, empadroados no Concello das Pontes, e contará cun total de 30 prazas. Para que a actividade poida levarse a cabo será necesario contar cun mínimo de 10 inscricións.
Os campamentos desenvolveranse os días 22, 23, 28, 29 e 30 de decembro de 2026, e 4, 5 e 7 de xaneiro de 2027, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 11 de decembro de 2026, ambos os días incluídos. As inscricións poderán realizarse presencialmente no Rexistro Municipal do Concello, previa cita, en horario de 8:30 a 13:30 horas, ou a través da sede electrónica municipal (https://sede.aspontes.org/sxc/es/). Neste último caso, o prazo estará aberto ata as 23:59 horas do 11 de decembro.
Como requisito xeral, tanto as persoas proxenitoras ou titoras como os menores para os que se solicita praza deberán estar empadroados no municipio con anterioridade á publicación da convocatoria. Tamén poderán participar menores nados antes de 2014 que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que conten coa capacidade de integración no grupo ou cun informe médico, educativo ou social que xustifique o beneficio da súa participación. Nestes casos, a idade máxima será de 14 anos ou o ano no que os cumpran.
No caso de que o número de solicitudes supere as 30 prazas ofertadas, a selección realizarase segundo os criterios establecidos nas bases. Terán prioridade as unidades familiares con ingresos non superiores a 6,5 veces o IPREM de 2026, límite que se incrementará nun 15 % no caso das familias monoparentais ou monomarentais e das familias numerosas.
Na valoración das solicitudes tamén se terán en conta a situación laboral das persoas proxenitoras ou titoras, o número de menores para os que se solicita praza, a condición de familia numerosa ou monoparental/monomarental, a existencia de persoas con discapacidade na unidade de convivencia e outras circunstancias de carácter social e económico. En caso de empate na puntuación, a adxudicación realizarase mediante sorteo público.
As persoas solicitantes deberán achegar a documentación necesaria para acreditar os requisitos e as circunstancias alegadas na solicitude. Entre a documentación prevista nas bases figuran, segundo corresponda, o Libro de Familia, os documentos de identidade, os certificados de empadroamento, a declaración da renda de 2025, os xustificantes da situación laboral e os documentos acreditativos das circunstancias familiares ou sociais que se desexen valorar.
No caso das persoas traballadoras por conta allea, será necesario presentar un certificado da empresa que acredite a situación laboral e que non teñen as vacacións programadas durante os días solicitados. As persoas autónomas deberán achegar unha copia do último recibo de autónomos. Para os menores con necesidades educativas especiais tamén será necesario presentar un informe dos profesionais de referencia sobre as necesidades que presentan. A documentación que non se presente dentro do prazo establecido non poderá achegarse posteriormente para a baremación.
A cota de inscrición será de 40 euros por menor participante. Unha vez adxudicadas as prazas, as persoas admitidas deberán realizar o pagamento no Servizo de Recadación do Concello, situado na avenida de Castelao, número 36, baixo, ou mediante ingreso bancario na conta de ABANCA indicada nas bases da convocatoria. O xustificante deberá presentarse no Centro de Información á Muller, situado na rúa Rosalía de Castro, 28, Casa Dopeso, segundo andar, ou enviarse ao correo electrónico cim@aspontes.org.
A listaxe provisional de persoas admitidas publicarase no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web municipal, www.aspontes.org. Tras a súa publicación, abrirase un prazo de tres días hábiles para presentar reclamacións. Posteriormente publicarase a listaxe definitiva e, de ser o caso, a correspondente lista de agarda.