Abre o proceso para a execución da segunda fase do saneamento de Galegos en Riotorto
O obxectivo é dotar de saneamento as vivendas de Galegos que carecen deste servizo, as situadas ao sur da igrexa, porque as restantes xa se conectaron nunha 1ª fase.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladoulle ao alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, o compromiso da Xunta de executar a segunda fase das obras para completar o saneamento da parroquia de Galegos, que suporán un investimento autonómico próximo aos 50.000 euros.
Vázquez Mourelle mantivo un encontro de traballo co rexedor lucense para abordar esta actuación hidráulica e concretoulle que Augas de Galicia asumirá a contratación e a execución das obras.
Para iso, o Concello debe remitir a certificación que acredita a conformidade co proxecto, a dispoñibilidade dos terreos e os permisos dependentes doutras administracións, así como o compromiso de recepción da actuación unha vez realizadas as obras.
O obxectivo da intervención é dotar de saneamento as vivendas de Galegos que carecen deste servizo, concretamente as que se atopan ao sur da igrexa, pois as restantes xa se conectaron nunha primeira fase.
As obras, que contarán cun prazo de execución de 4 meses aproximadamente, consistirán na construción dunha rede de colectores que canalizará as augas dos inmobles cara a un punto de vertido onde se situará o conxunto de depuración.
Os colectores discorrerán polas marxes dos camiños e estradas do lugar e, na maior parte dos casos, debido á orografía e á dispersión das vivendas, tamén se desenvolverán por fincas particulares para axustar o trazado.
A recollida comezará nunha arqueta ou pozo onde acometerán os ramais que chegarán ás saídas particulares das casas e discorrerán por tubaxes, que se conectarán ao sistema de depuración composto por un foso e un filtro compacto con unha cámara de decantación secundaria para unha capacidade de 30 habitantes.
A Xunta continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer de forma eficiente as súas responsabilidades de saneamento, abastecemento e depuración, que son de competencia municipal.