Abrirá en Muras uns días unha oficina para atender á veciñanza sobre o proxecto do Catastro

TerraChaXa
Na semana do 19 ao 23 de decembro, comezará en Muras a atención ao público relacionada co proxecto A Finca, que pon en marcha o Catastro
muras presentacion vecinos plan a finca
muras presentacion vecinos plan a finca
28 nov 2022

Na semana do 19 ao 23 de decembro, comezará en Muras a atención ao público relacionada co proxecto A Finca, que pon en marcha a Dirección Xeral do Catastro, o proxecto deseñado no plan de acción do Goberno fronte ao reto demográfico e que está incluído dentro das medidas do Plan de Recuperación.

O horario de atención será de 9.00 a 14.00 en horario de mañá e de 16.00 a 19.00 de tarde nas oficinas da planta baixa do Concello.

Para asistir será preciso solicitar cita previa no teléfono 982 500 001 polas mañá. Para solicitar cita deberá aportarse nome e apelidos, número de parcelas a tratar e número de teléfono.

Así o informou o alcalde da localidade, Manuel Requeijo, nun bando que fixo público estes días.

O PROXECTO

Muras é o único concello de Galicia seleccionado polo Ministerio de Facenda e Función Pública para desenvolver este proxecto pioneiro e ten como obxectivo reforzar a seguridade xurídica dos bens inmobles e facilitar o posterior investimento en territorios con problemas de despoboamento. Precisamente un dos criterios determinantes na elección de Muras para a posta en marcha do proxecto é a súa baixa densidade de poboación, pois ten 3,8 habitantes por quilómetro cadrado.

O proxecto enmárcase nun reforzo ao investimento no territorio rural actuando en cada municipio a través de empresas, preferiblemente locais, para actualizar a información territorial co obxecto de crear un marco de seguridade xurídica para garantir o sostemento e a mellora da competitividade do sector agroalimentario, elementos esenciais para manter a poboación, o emprego e a actividade económica nas zonas rurais.

O obxectivo principal deste proxecto é dotar ao territorio rural da seguridade xurídica necesaria no ámbito inmobiliario para fomentar o desenvolvemento sostible en municipios con problemas de despoboamento. Mediante actuacións para facilitar aos veciños a correcta descrición dos seus inmobles no Catastro e iniciar, no seu caso, os trámites para a obtención dos títulos ante notario e a posterior inscrición no Rexistro da Propiedade, coa súa xeorreferenciación. Trátase de axudar aos territorios da España rural, que sofren o devastador efecto do despoboamento demográfico e a perda de bens e servizos, onde as propiedades se abandonan e esquecen. Nestes ámbitos rurais resulta de gran importancia actualizar o Catastro de forma coordinada co Rexistro da Propiedade, garantindo entre ambas as institucións a actualización da delimitación gráfica dos inmobles.

O concello de Muras foi un dos 23 municipios escollidos de toda España, e o único de Galicia. Coa súa posta en marcha, ademais da actualización catastral que agora se pon en marcha, nunha fase posterior facilitarase ás persoas con propiedades en Muras a súa inscrición no Rexistro da Propiedade resolvendo os problemas xerados polo mantemento de persoas xa falecidas como titulares catastrais ou mesmo a existencia de bens de titularidade descoñecida.

O proxecto xa se presentou á veciñanza nunha reunión e tamén se enviaron máis de 5.000 cartas informativas a titulares de 21.570 parcelas catastrais.