Abrirá este mes o prazo de solictude de axudas para modernización de explotacións

TerraChaXa
A Consellería do Medio Rural publicará este mes a orde de axudas para a modernización das explotacións, que contempla achegas para incorporación de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións.
medioambiente
2 Feb 2018

A Consellería do Medio Rural publicará este mes a orde de axudas para a modernización das explotacións, que contempla achegas para incorporación de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións. Estará dotada con 65 millóns de euros, idéntico orzamento que na pasada convocatoria. Así o anunciou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na clausura da III xornada Top Gan de vacún de leite, acto no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

A conselleira destacou a importancia destas axudas lembrando os datos de 2017, ano no que se aprobaron 466 expedientes de incorporación de mozos ao agro e outros 692 de plans de mellora de explotacións. Avanzou, ademais, algunhas novidades da vindeira convocatoria. Entre elas, salientou que os expedientes presentados por mulleres puntuarán máis e que se optimizará a convocatoria no eido dos plans de mellora, para achegar estas axudas a un maior número de perceptores. Tamén puntuarán as explotacións con seguro agrario contratado e, por primeira vez e a demanda do sector, aquelas incluídas no control oficial de rendemento leiteiro.

Novidades na PAC

Ángeles Vázquez deu conta, ademais, das novidades aprobadas no último Consello de Ministros da UE con respecto ás axudas da PAC, que –dixo– son “claramente favorables” para os agricultores e gandeiros. Así, segundo explicou a conselleira, duplícase o valor da axuda complementaria aos novos agricultores ata o 50% (ata agora era o 25%) do valor medio dos dereitos de pago básico do mozo. A maiores, flexibilízanse os criterios para determinar unha superficie como pasto, impúlsase a figura do agricultor activo e tamén se dá maior flexibilidade ás condicións para o cobro do pago para prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.

Por último, sobre a normativa de xurros, a conselleira sinalou que o sector vacún de leite é o que menos amoníaco emite en España. Por iso, engadiu, tendo en conta que en Galicia o sector predominante é o lácteo, dende o primeiro momento a nosa comunidade está a elaborar unha serie de excepcionalidades que se publicarán en breve a través dunha resolución da consellería. Entre estas salientan as relacionadas co relevo dos terreos agrarios, o seu tamaño ou as condicións meteorolóxicas de aplicación destes produtos.

0.17058110237122