Acaso non abonda con ser muller?

TerraChaXa
Por Marta R.
Marta Rodríguez Engroba
12 Jun 2018

Por Marta R. Engroba - Asociación. Si, hai saída.

Pasa o tempo e as cousas seguen sen cadrarme, por mais que tenten venderme o contrario. Estou a referirme a eses presuntos avances que dín que as mulleres xa acadamos en canto a igualdade pola que loitamos e que algúns din que xa é un logro, algo co que eu non concordo en absoluto, e menos ainda cando voto a vista atrás e fago, sinxelamente, un repaso da miña vida, unha vida que non dista tanto da de outras moitas mulleres.

Eu casei moi nova, así que fun aforunada e puiden evitar escoitar esas sentenzas que se dictaban nos oitenta e que, lle pese a quen lle pese, ainda, a día de hoxe, planean por riba de nos, que convertían a moza que, a determinada e mais ben temprana idade non tivese, como mínimo, un noivo co que se vislumbraran plans de casamento, nunha firme candidata ao título de solteirona, co halo de tristura e amargura que iso conlevaba. Polo visto, unha muller non tiña nin a mais mínima probabilidade de ser feliz se un home non se encargaba de que así fora. Pero como o demo non acouga, e cando menos se agarda fai das súas, pasados poucos anos caín en desgraza por mor dun divorcio, divorcio, por certo, que eu mesma propiciei, que me abocaba a un futuro, según a miña contorna, de ostracismo total, con escasísimas ou nulas opcións a felicidade, xa que no meu caso, a única opción de chegar a conseguila, que era atopar, despois, eso sí, dun tempo “decentemente prudencial”, unha nova parella, quedaban prácticamente eliminadas, xa que o meu inforunio era ainda maior polo feito de ser nai.

Quen ía querer a unha muller “de segunda man” e, ainda por riba, coa carga engadida dun fillo?.

O meu negro futuro estaba xa escrito. A ninguén se lle pasou pola cabeza que ,tal vez, como así era, o que estaba a vivir era a miña opción, o meu desexo, e que o que consideraban un atranco, meu fillo, era, é, en realidade, o mais grande da miña vida.

Tampouco tiveron en conta que eu era unha persoa autosuficiente, e coas capacidades precisas para sair adiante, porque claro....era muller, e unha muller soa, xa se sabe, non ía a ningures!.

A medida que ía pasando o tempo, pasei a aturar, cada vez que a miña situación persoal saía a relucir, sobre todo se era con alguien a quen non vía desde había tempo, a pregunta que semellaba ser obrigada: “E qué, ainda non refixeches a túa vida?”.

Cando respostaba que a miña vida estaba perfectamente “refeita”, aclarábanme presurosos que se estaban a referir a se ainda non atopara unha nova parella, para, acto seguido, cando, contendo os desexos de mandalos a certo sitio, contestaba que non soamente non a atopara senón que nin siquera estaba a buscala, compadecerme, e preguntarme se non me daba pena quedarme soa. De novo se me estaba a lembrar que eu, muller, non tiña nada que facer sen un home preto de min que me servise de sostén.

As cousas non mudaron co paso dos anos, e a pregunta de marras sempre me acompañou, agás unha longa época na que tiven parella, e na que foi substituida pola de se non tíñamos pensado casar, ou polo menos, como mal menor, convivir, máxime cando meu fillo xa medrara, levantara, como é normal, o voo, e de novo me advertían desa fatídica futura soedade, que soamente se arranxaría con un home que a paliase, obviando o que eu desexase. Son muller, e, porén, unha vida independente, malia que sexa a elixida, non é unha opción, seica.

Supoño que chegou un momento no que xa me deixaron por imposible, e mesmo alguien chegou a dicirme nun momento dado que eu non son unha muller normal, tan independente, sempre dun lado a outro, ocupada en mil cousas...Vamos, que non me axusto para nada aos patróns convencionais e que se consideran correctos para unha muller “como é debido” e, polo tanto, non se pode agardar de min que faga o “políticamente correcto”.

E pouquiño a pouco, o tempo foi pasando, e eu seguín tendo moi claras as miñas ideas e o que desexo para a miña vida, pero, case sen decatarme, cheguei a unha nova etapa na que unha nova pregunta semella ser a obrigada, e que chegou un punto no que, cada vez que alguien me saúda, despois dun tempo sen vernos, xa me dan ganas de respostarlle antes de que chegue a facela.

Ninguén me pregunta se estou ben ou se son feliz. A pregunta do millón é: Xa es avoa?, para, acto seguido, cando lles digo que non, remachar coa de: “E non che da pena?. Unha muller sen netos.....!”.

Cando contesto, o mais educadamente que a miña paciencia me permite, que, nin teño pena, nin esa é obviamente, unha cuestión na que eu teña poder de decisión, e de mirarme case que con compaixón a pregunta deriva hacia a parella do meu fillo, porque claro, non lles entra na cabeza que, sendo muller, non desexe ter fillos, ou, mello dito, non desexen, porque é unha decisión dos dous, pero, polo visto, no caso do meu fillo, sendo home, non pasa nada. O raro e que miña nora, muller, non se angustie pensando en que se lle está a pasar o arroz ou que teña outras expectativas que non pasen pola de ser nai.

Mi madriña, isto é de traca!.

Unha vez mais se me lembra que eu, muller, por min mesma, non pinto nada. Que hai moito tempo que rompín a orde establecida, e que, dado que non fixen nunca,.como sería de agardar, o pertinente para restablecela na medida do posible, porque milagres tampouco hai, e o meu é para nota, nada bó podo agardar para minha vida.

É ista a igualdade da que tanto falan, a que dín que xa acadamos?.

Porque se é así, francamente, mellor paso dela.

Como se lle pode chamar igualdade a que nos amosa a cada momento que as mulleres por nos mesmas non somos dabondo, que necesitamos o “reforzo” dos homes e que non nos sentimos realizadas nin felices a menos que teñamos a oportunidade de encher eses baleiros que se supón sentimos con parellas, fillos, netos, sen que se contemple nin por un momento que, en moitísimos casos, nin existen tales baleiros ou que, de existir, cada unha de nos temos moitas e diferentes opcións que nos fan felices?.

Pasan os anos, xurden movementos, reivindicacións, berramos nas rúas pedindo igualdade, pero, ainda así, o certo é que, nesta sociedade que nos tocou vivir, e que alimentamos entre todos, que nos considera a nos, as mulleres, como cidadanas de segunda, semella que ainda non temos o peso que nos corresponde como persoas, como seres independentes, nin se nos valora como tales.

Unha sociedade,en definitiva, na que semella que ser o que somos, mulleres, non abonda.

0.16115403175354