Acordo a tres bandas pola problemática da neve en Muras

TerraChaXa
Acordaron tomar varias medidas, como a instalación de paneis informativos nas zonas afectadas, máis vixilancia e comunicación directa.
problemas neve muras
problemas neve muras
15 abr 2021

As fermosas estampas que a neve deixou en Muras atraeu a numerosos visitantes na procura das paisaxes máis espectaculares, onde se achegou un bo número de persoas, e non todas se comportaron do xeito máis cívico. Peches rotos, arames arrincados, sinalización esnaquizada ou moreas de lixo no chan son algunhas das situacións que os veciños de Muras foron atopando estes días nas súas terras.

Debido a esta situación, representantes do Goberno local reuníronse con membros da Garda Civil e veciños afectados por esta situación. Así, acordaron entre os tres tomar varias medidas, como a instalación de paneis informativos nas zonas afectadas, máis vixilancia por parte da Garda Civil e o Concello de Muras e comunicación directa cos afectados.

O Concello, en representación do conxunto da veciñanza, amosou o seu pesar polos danos rexistrados, que supuxeron para moitos un gasto ou un traballo extra, tendo mesmo nalgúns casos que cambiar o gando de leira para evitar que escapase.

Desde o Concello de Muras agradecen todas as visitas que recibe o municipio pero fan un chamamento ao civismo. Piden respecto hacia os veciños e que non se acceda a parcelas privadas se non é co expreso consentimento do propietario, xa que do contrario non desbotan iniciar as medidas legais oportunas.