Acordo para a creación de xornadas gastronómicas anuais de produtos da provincia
O Goberno da Deputación, a Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo (APEHL), representantes de empresas gastronómicas, das asociacións de produtores, das e das Denominacións de Orixe Lucenses mantiveron un encontro no que acordaron a creación de xornadas gastronómicas anuais, coas que se porá en valor a gastronomía lucense. Trátase dun evento destinado a dinamizar a actividade do sector servizos, mediante a degustación en restaurantes de toda a provincia de produtos acreditados con selo de calidade. A previsión é que as primeiras xornadas se celebren en abril e teñan unha continuidade nos vindeiros anos.
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, subliñou que “a gastronomía lucense é un valor en alza que contribúe a impulsar a economía en toda a provincia e a atraer o turismo cara ao noso territorio. Con este acordo, pretendemos favorecer o consumo de produtos autóctonos. A clave deste proxecto é resaltar a calidade dos alimentos que se producen no noso territorio. É un paso máis na nosa aposta pola gastronomía como elemento promocional da nosa cultura”.
“A gastronomía é unha chave para o desenvolvemento. Neste senso, temos dado pasos importantes, con selos de calidade que amparan zonas xeográficas concretas dentro do noso territorio, tanto de produción, como de transformación e elaboración dos nosos produtos. Os selos de Indicación Xeográfica Protexida e de Denominación de Orixe Protexida escudan, como non podía ser doutro xeito, unha gran cantidade de produtos galegos, e por ende, lucenses. Nun territorio onde cultura, tradición e diversidade van da man, a gastronomía constitúe un importante factor de promoción económica, social, turística e cultural”, destacou.
A celebración consistirá na degustación de produtos autóctonos con selo de calidade en restaurantes de toda a provincia. Durante o evento, os hostaleiros incluirán nas súas cartas menús con alimentos ben que conten con Indicación Xeográfica Protexida, Denominación de Orixe ou raza autóctona con selo de calidade.
Entre os obxectivos destas xornadas gastronómicas tamén se atopa a desestacionalización de produtos, como un incentivo máis que contribúa a xerar riqueza na provincia. O fin é dar continuidade á promoción de produtos fóra das épocas propias de produción.
Neste primeiro encontro coa Deputación participaron un total de 19 representantes de distintos colectivos que tomarán parte na organización destas xornadas gastronómicas. Así, estiveron presentes na reunión voceiros dos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe, de Indicacións Xeográficas Protexidas, e representantes de empresas e de asociacións de produtores.