Acoreireta presenta na casa museo de Manuel María o seu segundo traballo

LugoXa | TerraChaXa
'Baixo os remendos, nós' chega este sábado, 23 de maio, ás 20 horas, en concerto
acordeireta-manuel-maria
21 May 2026

Após Loitar cantando (2020), Acordeireita volve de novo á Casa-Museo Manuel María co seu segundo traballo Baixo os remendos, nós. Será este sábado, 23 de maio, ás 20 horas.

Patricia González Iglesias (voz e pandeireta) e Alejandro Balbuena Ojea (acordeón) parten do remendo co obxectivo de concibir un álbum distinto e innovador, en que se sitúan, literalmente, debaixo das eivas e dos problemas diarios para coselos co canto e a música. Son eles, os remendos, os alicerces. Cos seus fíos presentarannos este novo traballo composto ao longo de varios anos, sen présa, ao son do corpo.

Como xa acontecera en Loitar cantando, a poesía e a música encóntranse para confluír nas voces e mans deste dúo de Saiáns (Vigo). Este disco convértese nunha revolta, en que convive o social e a música tradicional, mesturada con temas de creación propia, unida ás raíces, e textos de poetas (Rosalía, Manuel María, Xela Arias...). Ademais, neste traballo Acordeireta rende unha homenaxe aos poetas labregos Paco Ledo e Alberto Calvín, aos gaiteiros Desiderio e Modesto de Murías, ao acordeonista Pazos de Merexo e ás escritorasA Raquel Castro e Luz Fandiño.

A revolta farase visíbel, este sábado, co seu directo onde non faltarán o acordeón cromático, o acordeón diatónico, diferentes tipos de pandeiretas, pandeiros, culleres, pratos con dedais e bombo, alén das voces e inclusive o son dunha antiga máquina de coser para lembrar tamén o importante labor das costureiras. A variedade de instrumentación, xunto aos diversos ritmos e tonalidades, crearán un ambiente fresco, contundente e emocionante que convidará aos presentes a bailar.

0.11498618125916