Acruga avala a súa boa situación financeira tras unha auditoría externa

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
As contas de 2025, que se presentarán na asemblea xeral do próximo xoves, pecharon cun resultado positivo de 28.416 euros
poxa-acruga-adai
31 Aug 2026

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) conta cunha situación financeira positiva, segundo o informe elaborado por unha auditoría externa sobre as contas correspondentes ao exercicio 2025. O documento avala a situación económica da entidade e detalla os principais capítulos de ingresos e gastos, cun resultado positivo de 28.416 euros ao peche do pasado exercicio.

A directiva de Acruga decidiu someter as contas da asociación a unha auditoría externa antes da presentación dos resultados na asemblea xeral, que se celebrará o próximo 3 de setembro. A revisión tamén ten como finalidade corroborar a situación económica do colectivo ante a próxima apertura do proceso electoral.

Durante o exercicio 2025, Acruga rexistrou uns ingresos de 1.006.250 euros, mentres que os gastos ascenderon a 932.300 euros. O balance supón un resultado de preto de 74.000 euros que, unha vez aplicados os impostos, se traduce nun beneficio de 28.416 euros para a asociación.

No apartado de ingresos, unha das partidas máis importantes corresponde ás subvencións procedentes das diferentes administracións públicas. Entre elas figuran as axudas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, así como as achegas da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.

A asociación tamén obtivo ingresos relevantes a través da venda de animais procedentes do centro de recría da Granja Gayoso Castro, que son posteriormente subastados nas diferentes poxas que se celebran ao longo do ano. A estas cantidades súmanse os ingresos derivados da venda de sementais da nave de testaxe e das doses seminais.

Pola banda dos gastos, o capítulo de persoal representa unha das partidas máis destacadas, con preto de 400.000 euros. Outro dos principais destinos dos fondos é a adquisición de xovencas aos gandeiros e gandeiras de Acruga. O obxectivo desta compra é contar con animais de calidade no centro de recría, tanto para os criadores que deciden incorporarse á raza como para a súa posterior presentación nas poxas.

Tamén teñen un peso importante nas contas os gastos relacionados co funcionamento e mantemento da nave de testaxe, así como a compra de nitróxeno e materias primas. A xestión do Libro Xenealóxico, a participación de Acruga en feiras, certames e poxas, a publicidade e as diferentes actividades de promoción da Raza Rubia Galega completan os principais capítulos de gasto.

O informe da auditoría externa conclúe que as contas anuais «expresan a imaxe fiel do patrimonio e da situación financeira da asociación a 31 de decembro de 2025», así como dos resultados correspondentes ao exercicio rematado nesa data, de acordo co marco normativo de información financeira vixente.

A revisión independente sinala ademais que «non existen riscos significativos» para a entidade. Desde Acruga lembran que esta auditoría non constitúe unha obriga contable da asociación, senón unha decisión adoptada pola súa directiva para ofrecer unha maior transparencia sobre a situación económica do colectivo.

0.14371705055237