Acruga renova coa Deputación o convenio da recría de xatas na Granxa Gayoso Castro

TerraChaXa | LugoXa
Acruga acaba de dar un novo impulso á coa renovación do convenio que mantén coa Deputación coa recría na granxa Gayoso Castro.
poxa publica granxa gayoso castro
poxa publica granxa gayoso castro
28 Maio 2023

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega acaba de dar un novo impulso a esta raza coa renovación do convenio que mantén coa Deputación de Lugo para a recría de animais puros na granxa Gayoso Castro. A institución provincial destinará 172.000 euros ao ano, durante as anualidades deste 2023, e de 2024, 2025 e 2026, co obxectivo de seguir apoiando á raza autóctona de carne. Este convenio tamén supón unha importante axuda para os gandeiros de raza rubia, aos que a asociación compra as xatas de poucos meses destinadas ao centro de recría da Deputación para, unha vez preñadas, ofrecelas en poxas aos gandeiros que se incorporan á raza ou aos que precisan de máis animais de calidade para a súa explotación. No últimos catro anos adquiríronse desta forma un total de 360 animais de alto valor xenético a criadores de Acruga.

A recentemente acordada renovación supón seguir un camiño que comezou en 2007 coa firma do primeiro convenio, cando o centro de recría de Castro Ribeiras de Lea comezaba o seu funcionamento cun rabaño pequeno. Desde entón, con altibaixos debidos sobre todo a inmobilizacións do gando por probas de saneamento, a actividade na granxa e a venda de animais en poxas foron constantes, máis se se compara coas vendas e a evolución dos prezos doutras razas de carne a nivel nacional.

A colaboración entre Deputación e Acruga para formar ese denominado rabaño de elite comezou coa celebración de cinco ou seis poxas ao ano, mentres que nos últimos anos foron moitos os concellos da provincia lucense e tamén algún do resto de Galicia os que solicitaron este tipo de poxas coas que dar resposta á forte demanda.

Incremento de prezos en poxas

Durante estes anos, non só aumentou o número de poxas celebradas cada ano, senón os prezos medios dos exemplares. Naqueles primeiros anos, o prezo medio dunha xata preñada era de 1.470 euros, unha cantidade que foi subindo do mesmo xeito que os prezos de saída, e levou a pechar o 2022 cunha prezo medio de 2.380 euros. No que vai de ano, a pesar das inmobilizacións de gando e a supresión de poxas pola lingua azul, tiveron lugar sete poxas de xatas preñadas, nas que se venderon todos os exemplares presentados, 37 animais, logrando un prezo medio de 2.519 euros. Isto demostra, a xuízo de Acruga, que a rubia galega non só rompe coa tendencia á baixa doutras razas de carne senón que logra incrementar ambos os indicadores nun ano especialmente malo pola conxuntura económica e o incremento dos custos de produción.

Precisamente, para paliar a difícil situación á que se enfrontan os gandeiros de carne, desde Acruga está a traballarse na renovación doutro dos convenios que ten coa Deputación de Lugo, para a promoción e potenciación de reprodutoras rexistradas no rexistro definitivo do libro xenealóxico, con axudas directas polas xatas de primeiro parto que se incorporan a este rexistro. Un convenio que establece 1,4 millóns de euros a este fin durante catro anos, e que do mesmo xeito que o anterior está a ser crucial para potenciar a raza e mellorar as súas xa de seu excelentes calidades.

Desde a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega sinalan que a mellora da raza é un dos grandes obxectivos fundacionais do colectivo. Para a directiva igual de importante é traballar no genotipado e realizar controis de filiación de todos os animais que pasan ao rexistro definitivo, como manter ese traballo conxunto no centro de recría para adquirir dos gandeiros os mellores exemplares que pasen a formar o rabaño de elite.

Este laborioso proceso comeza coa comprobación dos técnicos da carta xenealóxicos dos animais rexistrados no rexistro de nacementos, con pais e avós tamén rexistrados. Despois os veterinarios de Acruga acoden ás explotacións para para revisar in situ os exemplares e extraer mostras. Unha vez que entran na granxa, as xatas reciben unha alimentación de calidade, visistas periódicas e controis para comprobar o seu estado e preñez, ata que se realiza a selección das mellores para presentalas ás poxas.

Desta forma evítase o sacrificio de animais de alto valor xenético, á vez que se contribúe á expansión, promoción e mellora da raza, garantindo ademais a pureza da rubia galega. Todo iso son tamén obxectivos impresdindibles da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega que co convenio recentemente renovado seguirá adiante na súa firme aposta por situar a esta raza de carne como unha das mellores do mundo.

0.1923840045929