Acruga suspende o proceso electoral e convoca unha Asemblea Xeral Extraordinaria o 31 de outubro

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A asociación adopta a decisión en cumprimento da sentenza da Audiencia Provincial de Lugo que anulou o anterior proceso electoral
subasta-acruga-baleira
7 Oct 2026

A Xunta Directiva de Acruga decidiu suspender o proceso electoral en curso e convocar unha Asemblea Xeral Extraordinaria para o próximo 31 de outubro, en cumprimento da sentenza ditada o pasado 30 de setembro pola Audiencia Provincial de Lugo, que anulou o anterior proceso electoral da asociación.

A reunión terá lugar no Hotel Torre de Núñez ás 11.00 horas en primeira convocatoria e ás 11.30 en segunda. A actual Xunta Directiva manterase en funcións para dar cumprimento ao fallo xudicial, segundo comunicou a asociación ás súas socias e socios.

O principal punto da orde do día será a presentación e eventual aprobación dun novo proceso electoral para a elección da Presidencia e da Xunta Directiva de Acruga. A entidade sinala que as propostas deberán ser presentadas polos socios e socias na sede da asociación antes do 26 de outubro, co obxectivo de que poidan ser trasladadas á Asemblea para o seu debate e votación.

A decisión responde ao establecido nunha sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Lugo, ditada en maio de 2023, que, segundo explica Acruga, determinou que o proceso electoral e, en particular, a aprobación da viabilidade do voto delegado, deben ser aprobados mediante Asemblea Xeral.

A Asemblea Extraordinaria completarase cun apartado de rogos e preguntas. Deste xeito, queda sen efecto o calendario electoral que estaba en marcha e que establecía tamén o 31 de outubro como data para a celebración das eleccións á Xunta Directiva.

O ata agora presidente de Acruga, César Dorado, xa anunciara que non optaría á reelección e que, tras máis de dúas décadas á fronte da asociación, daría paso a unha nova directiva.

0.094206094741821