Actuarán en 40 tramos dos camiños do Norte e Inglés para mellorar a seguridade

O Consello aprobou definitivamente os trazados definitivos dos treitos comúns no Camiño de Santiago do Norte, Ruta da Costa, e no Camiño Inglés, o que permitirá “realizar melloras de seguridade viaria en 40 treitos” destas rutas xacobeas, cun orzamento total de 8 M€ e coa previsión de que “a principios do ano que vén estean todas as obras adxudicadas”.
O proxecto do Camiño do Norte implica actuacións en 27 treitos da ruta, que cruzan dez municipios distintos. Sete están localizados no concello de Boimorto -dos que dous implican obras en tramos compartidos co de Arzúa-, catro no de Ribadeo, outros catro no de Vilalba e catro máis no de Sobrado.
Tres treitos localízanse no concello de Guitiriz -dos que un transita tamén por Begonte-e en Trabada e Friol sitúanse dous treitos por cada municipio. Por último, un dos tramos afectados está no concello do Pino.
No caso do Camiño Inglés, o proxecto comprende a execución de diversas sendas peonís segregadas nun total de 13 treitos comúns que coinciden con estradas de titularidade autonómica, provincial e municipal, situados en sete concellos distintos.
Así, en Carral e Cabanas localízanse tres dos tramos afectados, respectivamente. Dous deles pasan por Betanzos. En cada un dos municipios de Paderne, Miño, Cambre e Santiago de Compostela hai un treito no que se realizarán actuacións, aos que hai que sumar un último tramo, situado entre os concellos de Miño e Paderne, que tamén experimentará obras.
Os trazados definitivos dos dous Camiños chegan despois de someter ao trámite de información pública ambos os proxectos, un período no que se recibiron alegacións e informes. Tras deste procedemento, elevouse ao Consello da Xunta a aprobación dos dous acordos.
As actuacións empréndense “onde a ruta coincide con estradas, e polo tanto é necesario mellorar a seguridade viaria, garantila”. Con esta finalidade de mellorar a seguridade tanto de peóns como de peregrinos e de reducir a súa exposición ao tráfico rodado, así como de fomentar a mobilidade sostible, habilitaranse sendas peonís, pasarelas e muros de contención.
A Xunta de Galicia está a realizar traballos de mellora na seguridade viaria nas distintas rutas xacobeas, co horizonte no próximo Ano Santo 2027. Tal e como explicou o presidente están previstas actuacións en máis de 150 quilómetros dos nove Camiños de Santiago, para o que se estima un investimento de 40 M€.