Adeus ao actor Ernesto Chao

TerraChaXa
Por Lucía Otero Gato O pasado 6 de agosto morreu o actor ourensán Ernesto Chao (Ribadavia, 1943-Santiago de Compostela, 2018), o famoso Miro Pereira de “Pratos combinados”.
Lucía Otero Gato
14 sep 2018

Por Lucía Otero Gato

pasado 6 de agosto morreu o actor ourensán Ernesto Chao (Ribadavia, 1943-Santiago de Compostela, 2018), o famoso Miro Pereira de “Pratos combinados”. Que en paz descanse. Cunha traxectoria profesional de case 50 anos —que inclúe teatro, cine e televisión—, a súa morte supón unha perda irreparable para o mundo audiovisual galego e español. Fai uns anos, concretamente no ano 2013, falecía outro dos nosos actores estrela, o coruñés Xosé Manuel Olveira “Pico”, quen tamén participou xunto a Chao en “Pratos combinados”.

Un dos últimos papeis de Ernesto Chao foi na serie “Fariña” (2018), de Antena 3, onde interpretaba ao ex presidente da Xunta de Galicia Xerardo Fernández Albor. Traballou así mesmo en “El Comisario”, “Aquí no hay quien viva” e “Cuéntame cómo pasó”, emisións de gran renome no panorama nacional. Porén, o seu papel máis importante —e polo que sempre será recordado— foi o de Miro Pereira na extraordinaria serie da TVG “Pratos combinados”. Esta xenial comedia de situación, protagonizada polo propio Chao, Antonio Durán “Morris” e Mabel Rivera, viu a luz o 1 de decembro de 1995, alcanzando un éxito sen precedentes. A serie, unha das máis lonxevas da televisión, estivo en antena ata o 24 de maio do 2006 e conta cun total de 14 tempadas (261 capítulos). Actualmente todos os episodios de “Pratos combinados” pódense ver en liña de xeito gratuíto na páxina web da CRTVG.

Para os que, coma min, nacemos na década de 1990, “Pratos combinados” foi unha das series máis queridas da nosa infancia. Recordo con nostalxia como, desde ben pequeniña, cada mércores á noite desfrutaba e ría cos enredos e argalladas de (Ra)Miro Pereira e Antón Santos, o seu inseparable cuñado —ao que Miro chamaba normalmente “miñoca”—. Estes dous personaxes sempre estaban pensando como enganar a Balbina, a muller de Pereira, para que esta lles deixase ir de caza, a campionatos de pesca, de vacacións, etc. As trapalladas empezaban coa inesquecible frase de Antón: “Cuñado, teño un plan”. Non obstante, o seu “plan” remataba, na maioría das ocasións, con eles dous castigados traballando. “Pratos combinados” non era só unha emisión para nenos; tamén moitos maiores adoitaban estar pegados á tele seguindo os lances do Bar Suízo.

Ante a noticia do pasamento de Ernesto Chao, numerosas personalidades, entre elas o actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, manifestaron na Internet o seu pesar polo falecemento do artista. A presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Nieves Rodríguez, lamentaba que se fora unha figura fundamental para a progresión das artes escénicas galegas, ao tempo que describía a Chao como un home bo e xeneroso.

Hoxe toca, pois, despedir a este gran actor, que tanta diversión e gozo nos provocou grazas á excelencia da súa interpretación. Adeus, Miro! Adeus, Ernesto! A morte non é máis que unha nova vida. Despídese de ti a nena e despídese de ti a muller. Esta é a miña particular homenaxe. Transmito desde aquí o meu sincero pésame aos familiares.

0.19230318069458