Adrián Iglesias Mariño gaña o II Concurso de Fotografía As Pontes, Terra de Cogomelos

O II Concurso de Fotografía As Pontes, Terra de Cogomelos xa ten gañadores tras reunir 30 participantes e máis dun cento de fotografías que amosan a beleza e a diversidade do mundo dos cogomelos.
O primeiro premio foi para Adrián Iglesias Mariño, pola súa fotografía dun exemplar de Favolaschia calocera. O segundo posto recaeu en Inés López Pertiño, pola imaxe dun Polyporus tuberaster, mentres que Miguel Ángel Gómez Vellón acadou o terceiro premio cunha fotografía de Laccaria sp.
O xurado encargado de seleccionar as obras premiadas estivo integrado polo divulgador micolóxico Luis Cuba e os fotógrafos Raimundo Carballo e Daniel Puente Bello.
As imaxes gañadoras e unha selección das mellores fotografías presentadas ao certame poderán verse durante a XXXVI Feira de Fungos e Cogomelos das Pontes, que se celebrará o vindeiro domingo 1 de novembro.
A entrega dos premios terá lugar durante o acto central da feira, unha cita que permitirá dar a coñecer o traballo das persoas participantes e achegar ao público a riqueza micolóxica dos montes da contorna.
A organización agradeceu a participación das 30 persoas que concorreron ao certame, destacando o seu talento e a súa contribución á difusión da diversidade e da beleza dos cogomelos.