Adxudicada a obra de mellora da estrada de Xermade a Cabreiros

TerraChaXa
A Consellería de Infraestruturas adxudicou por preto de 380.000 euros as obras de mellora do firme da estrada entre Xermade e Cabreiros.
estrada cabreiros moman
27 Xuño 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por preto de 380.000 euros as obras de mellora do firme da estrada LU-170, entre Xermade e Cabreiros.

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Isidro Otero S.L., comezarán na segunda quincena de xullo e terán un prazo de execución de tres meses.

Esta actuación, de reforzo da seguridade viaria na estrada que une Parga con Cabreiros ao seu paso polo municipio de Xermade, acometerase no treito de 5,5 quilómetros que une os citados núcleos.

As intervencións previstas entre os núcleos de Cabreiros e de Xermade permitirán mellorar o firme entre a intersección da Pena e Cabreiros, xusto onde comeza o treito rehabilitado pola Xunta hai uns anos.

Os traballos consisten na mellora do firme en toda a superficie da estrada, mediante o estendido dunha nova capa de rodadura de altas prestacións nos treitos que presentan mal estado, para incrementar a adherencia, reforzar a seguridade e ofrecer maior comodidade na condución aos usuarios.

A actuación inclúe a limpeza das marxes da estrada, a reposición e o pintado das marcas viarias e o reforzo da sinalización vertical.

Ademais, nos treitos con menor ancho e con gabias profundas, disporanse cunetas de seguridade, que poden ser rebasables e utilizarse en caso de ser necesario. Colocaranse, tamén, barreiras de seguridade onde haxa desniveis e sistemas de protección para motoristas.

0.061913967132568