Adxudicadas as obras de restauración dos frescos dos Vilares
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Univerdades adxudicou finalmente o proxecto de restauración dos frescos da igrexa dos Vilares, en Guitiriz.
A empresa que se encargará dos traballos será Crea Restauración, escollida entre as catro que optaron a este contrato e que conta cun orzamento de 62.867 euros e un prazo de excución de seis meses.
As decoracións murais atópanse na nave do templo de San Vicenzo, localizado na parroquia dos Vilares, lugar das Reixas, en Guitiriz. Pertence ao arciprestado de Begonte-Parga, diocese de Mondoñedo-Ferrol na provincia de Lugo. As decoracións murais conservadas na igrexa dos Vilares se dispoñen ó largo dos paramentos norte e sur da nave do templo. En liñas xerais, o ciclo pictórico de San Vicenzo dos Vilares está emnarcado dentro dos canons do gótico hispano-flamenco. Estudos puntuais indican que aínda que o estilo gótico hispano-flamenco se introduce en Galicia en torno a mediados do século XV, practicamente toda a pintura coñecida ata o momento nesta zona do noroeste peninsular parece cinguirse ás primeiras décadas do século XVI. San Vicenzo dos Vilares agocha xoias pictóricas que levan a unha época que vai dende o segundo terzo do século XVI á segunda metade de século.
O proxecto contempla diferentes actuacións entre as que figuran eliminación de morteiros, cales, cementos e elementos alleos á obra, co obxecto de devolverlle á superficie do conxunto mural a uniformidade perdida, limpeza da superficie, fixación e consolidación do soporte e fixación dos estratos polícromos, reintegración matérica e reposición de morteiros, reintegración cromática e iluminación ornamental.
Este proxecto pretende dar resposta a toda unha longa traxectoria de peticións e reivindicacións que fixo súas, entre outros colectivos, a asociación Lareira de Soños, que, en datas recentes volveu interesarse polo estado do contrato
A asociación, instigadora desta restauración asegura que “os frescos dos Vilares pasaron a formar parte da listaxe da vergoña, a Lista Roja del Patrimonio do Estado dos bens patrimoniais con alto risco de desaparición”, tal e como foi comunicado á asociación polo comité científico da Asociación Hispania Nostra, responsable da avaliación do estado do patrimonio no Estado.
Os frescos, descubertos nunhas obras de mellora da igrexa en 1991 sendo párroco o actual deán da catedral de Compostela Segundo Pérez, levan 27 anos sen ningún tipo de actuación para a súa protección, co paulatino deterioro polas humidades, o paso do tempo, os rozamentos dos bancos da igrexa etc…
O profesor Monterroso Montero realizou un exaustivo estudo en 1992 que serviu de base para posteriores investigacións destas obras de arte por parte de historiadores e restauradores. Da autoría dos Mestres de Parga e de Nogueira, os catro murais da nave máis antiga da igrexa representan paisaxes, a imposición da casulla de San Ildefonso (temática única en Galiza), o enterro co conde Orgaz e o Cristo Matamouros. Un conxunto pictórico único e de alta calidade artística segundo os expertos.